Galicia liderou durante o primeiro
semestre do ano o crecemento turístico en España, un período no que
superou por vez primeira a barreira dos dous millóns de viaxeiros. Así
se recolle no balance correspondente aos seis primeiros meses, que foi
presentado esta mañá polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román
Rodríguez, no Náutico de Sanxenxo, nun encontro cos medios no que estivo
acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e
polo alcalde desta localidade pontevedresa, Telmo Martín.
O
titular de Cultura e Turismo salientou que os datos constatan que o
turismo galego “medra en cantidade, pero sobre todo en calidade”. Así,
segundo as cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE), a nosa foi
a Comunidade na que máis medrou a demanda turística, cun alza do 7,7%
fronte ao 1,2% do resto de España, reflectindo que Galicia “é un destino
turístico atractivo para os viaxeiros tamén en tempada media e baixa”.
Os
datos sinalan un incremento que se estende a todo tipo de viaxeiros, ao
rexistrarse unha suba de preto do 5% no turismo interno (o que realizan
os propios galegos dentro da súa Comunidade) e dun 6% no turismo
nacional. Román Rodríguez destacou especialmente a subida de preto do
15% dos viaxeiros estranxeiros, que supoñen xa o 27% do total, e que
atribuíu ao esforzo da Xunta por posicionar Galicia nos mercados
internacionais a través de numerosas accións e ao empuxe do Camiño de
Santiago.
Sector “máis competitivo e profesionalizado”
“Non
só chegan máis visitantes que nunca e mellor repartidos, senón que cada
vez máis os viaxeiros quedan máis tempo na nosa Comunidade, fan máis
gasto e permiten crear postos de traballo de calidade durante todo o
ano”, sinalou o conselleiro. Neste sentido, felicitou aos profesionais
do sector porque o seu traballo está a permitir que a evolución de
Galicia en todas as variables sexa superior ao conxunto do Estado.
As
cifran constatan, igualmente, un crecemento nos datos relacionados cos
parámetros de calidade ligados ao turismo. Así, Román Rodríguez explicou
que a rendibilidade hoteleira mellorou a un ritmo moi superior á media
española, crecendo por enriba do 9% fronte ao 3,6% rexistrado a nivel
nacional, “o que reflexa que contamos cun sector turístico cada vez máis
competitivo e profesionalizado”.
Este feito tivo unha “importante
repercusión” no emprego vencellado ao turismo. Neste sentido, o
conselleiro de Cultura e Turismo remarcou que segundo a Enquisa de
Poboación Activa, o sector turístico galego emprega un 9% máis
profesionais que hai un ano, un feito que reflicte que cada vez “se crea
máis emprego de calidade durante todo o ano”, ao tempo que permite
“xerar riqueza e fixar poboación nos distintos territorios”. Do mesmo
xeito, remarcou a alza do 2,3% nas afiliacións á Seguridade Social no
sector turístico e que encadean seis anos consecutivos de progresión.
En
canto ás tipoloxías de aloxamento, sobresaen os hoteis, que son a
modalidade preferida polos turistas que visitan Galicia, pois concentran
o 73,5% da demanda. En xeral, todas as tipoloxías de aloxamento
rexistraron máis viaxeiros, tamén ás pensións, os apartamentos
turísticos, os cámpings e os establecementos de turismo rural. En
concreto, estes últimos xeraron 9.000 novos turistas, cunha suba próxima
ao 12%.
Datos por provincias e cidades
Por provincias, en
termos absolutos, A Coruña foi a que máis demanda recibiu, un 43%,
seguida de Pontevedra cun 34%, mentres que Lugo e Ourense sumaron un 15 e
un 8%, respectivamente. Non obstante, Lugo foi a que rexistrou un maior
crecemento ao experimentar unha suba de preto do 10%.
Román
Rodríguez atribuíu este feito ao esforzo do Goberno galego por poñer en
valor os valores turísticos que caracterizan aos diferentes xeodestinos
apoiando o turismo rural e as experiencia ligadas á nosa enogastronomía
ou á nosa paisaxe e patrimonio cultural, “capaces de atraer viaxeiros
durante todo o ano”.
No referente aos sete principais destinos
urbanos, Santiago sitúase como a cidade que máis viaxeiros recibe,
superando os 300.000, seguida da Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, Pontevedra
e Ferrol. A capital galega foi tamén a que rexistrou un mellor
comportamento durante o primeiro semestre, ao experimentar un alza de
preto do 9%, seguida de Ourense, cun incremento do 11%, e da Coruña,
cunha suba de case o 4%.
No plano internacional, destacaron
especialmente os viaxeiros procedentes de Portugal, Alemaña, Estados
Unidos, Italia e Reino Unido e o incremento dos Países Baixos, mentres
que, no referente ao turismo nacional, as comunidades que máis turistas
achegaron nese período foron Madrid, Castela e León, Andalucía e
Asturias.
Mellor oferta e infraestruturas
O titular de
Cultura e Turismo incidiu na necesidade de seguir traballando co
obxectivo de continuar nunha liña ascendente “sempre da man da calidade e
de xeito sustentable”. Precisamente, lembrou que a Xunta está
promovendo iniciativas e experiencias turísticas ligadas a potenciar as
singularidades turísticas de cada zona ou valores como o enoturismo, os
festivais de música ou a oferta termal. Así mesmo, está a afondar na
mellora permanente das instalacións e dos servizos ofrecidos, con liñas
de axudas tanto aos concellos do rural como aos establecementos
privados, neste caso coa posta en marcha do Plan MAT de mellora de
aloxamentos turísticos.
Nesta mesma liña, lembrou que o Goberno
galego está impulsando accións como a estratexia Galicia Sabe, para
potenciar a Comunidade como destino enogastronómico de referencia ou
iniciativas como os Trens Turísticos ou FEST Galicia, entre outras.