VIGO | O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, anunciou hoxe o
”claro compromiso do PSdeG co Sistema Universitario de Galicia e coa
innovación e a aposta polo mundo do coñecemento”. O líder dos
socialistas galegos mantivo hoxe en Vigo un encontro co ministro de
Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque, no que tamén
representantes dos socialistas galegos no Parlamento de Galicia, o
Congreso e o Senado, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela
Silva e o secretario do PSdeG de Pontevedra, David Regades.
Gonzalo
Caballero anunciou que os socialistas presentarán na próxima
Lexislatura un “compromiso claro coas novas tecnoloxías, coa innovación e
co mundo do coñecemento”, apostando por un cambio de modelo para
“defender aos organismos e universidades públicas e a cooperación co
mundo da empresa”. O obxectivo, dixo, é que “esta Galicia que con Feijóo
perde pulo e dinamismo acade a súa revitalización e impulso”.
Lembrou
que, logo de dez anos de goberno de Feijóo, a redución do gasto en
I+D+i ten situado a Galicia no posto 190 dun total de 238 rexións
europeas, de acordo co informe da Comisión Europea en materia de
innovación. O gasto en investigación “non avanzou como debía” no goberno
galego, provocando un “gap moi importante” na materia, mentres que
rexións veciñas como o Norte de Portugal teñen escalado ata o número 100
do ránking europeo.
O responsable socialista defendeu un “modelo distinto” para superar o
“reto” que deixa a xestión do PP, cun recorte drástico en materia de
Universidades e de I+D+i, e reivindicou o proxecto socialista en materia
de Innovación e Ciencia para todo o Estado. Sinalou que “seguimos
mantendo” a proposta dun Pacto de Estado pola Ciencia, incluíndo o
incremento de orzamentos ou unha nova Lei de Universidades e impulso
para a gratuidade das primeiras matrículas universitarias.
Gonzalo
Caballero defendeu a visita do ministro a Galicia, tal e como fixo o
pasado luns a ministra de Industria, Reyes Maroto, e reclamoulle ao
presidente da Xunta “que se tranquilice”, fronte ás críticas do goberno
galego e do PP a estas visitas.
Reclamoulle que “goberne
con lealdade institucional” e que “se acostumen a que Galicia e a Xunta
de Galicia non son propiedade do PP” e que “acabouse o tempo en que
Feijóo creía que era o único que repartía xogo e falaba coa deslealdade
que quería en cada lugar de Galicia”.
Pedro Duque
O ministro de Ciencia, Innovación e Universidade, Pedro Duque,
comezou a súa xornada en Galicia co encontro co líder dos socialistas
galegos, onde reivindicou as “reformas pendentes” consensuadas cos
actores do mundo da Universidade e da Innovación e que están á espera da
formación do goberno.
Sinalou que “estamos expectantes
de que haxa canto antes un goberno que poida levar ao Parlamento estas
reformas legales, normativas, de formas de actuar, investimentos na
dixitalización de servizos públicos, e en ciencia e innovación”.
Reivindicou “cambios na política da última década” na materia, na que
baixo o mandato do PP España “foi o único país que ten reducido os
presupostos para ciencia, innovación e Universidades”. Departamento de comunicación