O BNG rexistra no Parlamento galego unha batería de
iniciativas instando á Xunta de Galicia a demandar do estado facer pública a
listaxe de “bens inmatriculados pola Igrexa Católica entre os anos 1946 e
1998”, tendo en conta a posibilidade de que foran rexistrados ilegalmente
templos dedicados ao culto.
O
parlamentario do BNG, Luís Bará tamén demanda crear unha oficina de información
e asesoramento para as entidades que reclamen estes bens. Na
proposta do BNG figura estudar “vías legais para reclamar a anulación das
inmatriculacións” de bens de dominio público e sen documento “acreditativo da
propiedade”.
O
deputado do BNG, lembra que o goberno do
Estado dispón desde agosto de 2018 dunha listaxe de bens inmatriculados entre
1998, reforma da Lei hipotecaria no goberno de Aznar e 2015 que non se fixo
pública e que impide abrir vías legais
para a súa anulación. Por esta razón, o
BNG considera “urxente e necesaria que se faga pública a listaxe”, para que goberno central e Xunta de Galiza promovan a anulación daquelas
inscricións que supoñan a apropiación de bens de dominio público e doutras
propiedades de administracións e particulares.
A iniciativa do BNG, manifesta Bará, vai máis alá e propón ampliar a investigación
a todas as inmatriculacións realizadas desde 1946, data en que se aprobou a
norma que outorgaba á Igrexa católica a posibilidade de rexistrar bens sen
acreditar propiedade. Bará apunta que
esta investigación debe incidir especialmente na inscrición de lugares de
culto, que están excluídos da lei de 1946 (si están incluídos na reforma de
1998) e nos bens considerados de dominio público.
A este respecto, o nacionalista alude á
sentenza do Tribunal de Estrasburgo de 2016 que cualifica de “arbitrario o
dereito de inmatriculación da Igrexa” e considera que viola o dereito de
propiedade.
Luís Bará denuncia “a conivencia de PP e PSOE
para protexer estes privilexios e abusos, impropios dun Estado aconfesional e destinar fondos públicos millonarios para a súa rehabilitación co posterior cobro da
Igrexa para poder visitalos”.
Un
privilexio franquista ampliado polo goberno de Aznar
O
parlamentario do BNG explica que a Igrexa católica goza desde 1946 dun privilexio franquista que lle
permitiu inscribir miles de bens sen ter que acreditar a propiedade dos mesmos,
porque a Lei hipotecaria e o regulamento permitiron que os representantes eclesiásticos
actuasen como “fedatarios públicos”.
Aínda que a citada norma impedía inscribir
templos dedicados ao culto por ser considerados bens de dominio público, a
realidade é que nos anos 80 e 90 do século pasado moitos destes bens foron
inmatriculados, “inscritos por primeira vez no Rexistro da Propiedade a nome da
Igrexa”.
No ano 1998 o goberno do PP ampliou “o
privilexio franquista” mediante unha modificación da Lei hipotecaria que lle
permitía á igrexa inscribir tamén lugares de culto como igrexas, mosteiros,
ermidas, capelas, catedrais, etc. Como consecuencia desta norma, estímase que
entre 1998 e 2015, ano da supresión desta prerrogativa, foron inscritos máis de
“30.000 bens a nome da Igrexa católica, dos cales unha parte poderían ser bens
privados, outros de propiedade das administracións e outros de dominio público”.
Ante esta situación, no ano 2017 foi aprobada unha proposición non
de lei no Congreso na que se demandaba ao goberno do Estado a elaboración dun
informe con todas as inmatriculacións realizadas entre 1998 e 2015, así como
“reclamar a titularidade do dominio se a devandita inmatriculación se fixo sen
a necesaria existencia dun título material e previo”, isto é, sen que existise
algún documento que demostrase a propiedade.
Por outra parte, no ano 2018 unha Comisión de
Persoas Expertas creada para determinar a titularidade da Mezquita de Córdoba
recomendou anular as inmatriculacións mediante un recurso ao Tribunal
Constitucional.