O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 2% en taxa
interanual no segundo trimestre do ano, ao tempo que se crearon neste
período 12.400 novos empregos asalariados a tempo completo, segundo as
Contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de
Estatística (IGE).
Os datos da primeira estimación publicados polo
organismo estatístico autonómico hoxe mostran que o PIB galego
rexistrou no segundo trimestre un crecemento do 2% sobre o mesmo período
de 2018, de xeito que acumula 23 trimestres consecutivos con taxas
positivas. O crecemento trimestral –sobre o trimestre anterior- foi do
0,3%, polo que a economía galega acumula 26 trimestres consecutivos con
taxas positivas.
O crecemento da economía galega entre abril e
xuño sustentouse no forte aumento do gasto en consumo final, que
rexistrou un crecemento interanual do 3,3%. Este é o maior incremento
deste indicador desde 2007, e débese ao incremento do gasto en consumo
final tanto dos fogares (3,5%) coma das administracións públicas (2,8%).
Ademais, a formación bruta de capital –que recolle os investimentos do
sector empresarial– creceu un 4,1%.
Ademais, todos os sectores que
conforman o PIB –salvo a industria– rexistraron un comportamento
positivo. O maior crecemento rexistrouse no sector da construción (5,5%)
e no sector servizos (2,8%), con incrementos superiores á media,
mentres que o sector primario avanzou un 0,2% e a industria descendeu un
2,1%.
Os datos do IGE indican tamén que o comportamento positivo
da demanda interna –medrou un 3,3% en taxa interanual- compensou a
evolución negativa da demanda externa. Así, nun panorama de incertezas
nos mercados internacionais, as exportacións de bens e servizos
descenderon un 8,6%, o que explica o menor crecemento respecto a
trimestres anteriores.
En todo caso, a economía galega continuou
creando emprego no segundo trimestre do ano. A evolución do emprego
asalariado foi positiva en todos os sectores, cun crecemento do 1,4% e a
creación de case 12.400 postos de traballo asalariados a tempo
completo.