O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de
Facenda, Valeriano Martínez, presentaron hoxe un informe encargado á
Asesoría Xurídica da Xunta, para aclarar se o Goberno central, pese a
estar en funcións, ten que cumprir coas súas obrigas co financiamento
autonómico e facer efectivas ás entregas a conta deste ano.
Alfonso
Rueda avanzou que a conclusión do informe dos avogados da Xunta é clara
e sinala que o sistema de financiamento autonómico “debe ser cumprido
polo Goberno estatal con independencia de que estea ou non en funcións”.
O vicepresidente da Xunta aclarou que o Goberno galego actuou neste
caso “con transparencia, rigor e seriedade” sen tirar conclusións antes
de ter e coñecer o informe. Nesta liña, destacou que é desta maneira
como deben actuar as administracións, sobre todo cando se trata dun
asunto tan importante como a entrega de 700 millóns de euros que
corresponden a Galicia por parte do Goberno, unha contía que é
“imprescindible” para manter o nivel de servizos públicos na comunidade.
Ao
mesmo tempo, o conselleiro de Facenda destacou que Galicia afronta unha
situación “inédita, urxente e sen precedentes” por mor dos impagos do
Goberno. “A Galicia se lle deben 700 millóns de euros e o único que
pedimos é o que é noso”, sinalou Valeriano Martínez, que insistiu en que
se trata de recursos “que teñen que ser transferidos si ou si, non hai
outra alternativa”.
Neste sentido, o titular de Facenda lembrou
que a Xunta de Galicia xa puxo de manifesto este problema hai máis dun
ano e que o Ministerio de Facenda comprometeuse a solucionalo. Tamén
recordou que en xullo enviou unha carta á ministra urxíndolle unha
solución a estes impagos, sen que o Goberno galego teña recibido
resposta.
Ademais, incidiu na necesidade de que o Ministerio de
Facenda convoque xa unha reunión urxente do Consello de Política Fiscal e
Financeira, por ser este o órgano multilateral no que están presentes
todas as comunidades autónomas. Valeriano Martínez advertiu de que este
consello leva máis dun ano sen reunirse, e que Galicia –xunto a outras
CC.AA- pediu a pasada semana a súa convocatoria, sen que se teña
recibido resposta.