A conselleira de Política Social,
Fabiola García, asinou hoxe coa presidenta da Federación de
Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez, o acordo de adhesión desta
entidade ao Carné Xove, polo que as mozas e mozos se beneficiarán de
descontos nas 150 librarías que forman parte desta entidade. Estes
descontos serán dun 10% en papelería e material escolar e dun 5% en
libros para a xente nova que sexa titular desta tarxeta.
A
sinatura tivo lugar no establecemento Kathedra Libraría Universitaria e
contou coa asistencia da delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz
Mouteira, da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado,
Cristina Pichel, e do presidente da Agrupación de Libreiros de Ourense,
José Manuel García Mosquera. Este acordo coincide co inicio do curso
escolar, polo que é unha oportunidade para facerse con todo o material
para levar á escola a un custe reducido. As librarías que se suman a
esta iniciativa colocarán nun lugar visible o adhesivo que identifica o
programa Carné Xove.
A conselleira agradeceu á Federación de
Librarías de Galicia que se sumara a este programa que na actualidade
conta con máis de 3000 centros adheridos que abranguen todos os ámbitos,
como o cultural, aloxamento, transportes, comercial ou ensino, entre
outros. Arredor de 40.000 mozas e mozos galegos, con idades entre os 12 e
os 30 anos, son xa usuarios do Carné Xove, que poden utilizar non
soamente na Comunidade Autónoma senón noutras zonas de España e en 40
países europeos que tamén participan desta iniciativa.