Un total de 70 ciclos de FP impartirán este curso parte do seu
currículo nunha lingua estranxeira o vindeiro curso 2019/20. Así o
anunciou esta mañá a conselleira de Educación, Universidade e Formación
Profesional, Carmen Pomar, na súa visita ao CIFP Politécnico de Lugo. De
feito, un dos tres centros educativos que se incorpora este ano ao
plurilingüismo en FP é da cidade da Muralla, o IES Nosa Señora dos Ollos
Grandes. Na provincia impartirán ciclos plurilingües tamén o CIFP As
Mercedes (Lugo) e o IES Val do Asma (Chantada).
Por outra banda, o
ciclo de grao superior en Mantemento aeromecánico de avións con motor
de turbina (impartido no CIFP As Mercedes, en Lugo) será un dos
primeiros en Galicia en incorporar o Módulo de Lingua Estranxeira
Profesional, módulo propio da Comunidade Autónoma para facilitar a
capacitación en idiomas ao alumnado de ciclos formativos.
Durante a
súa visita ao CIFP Politécnico Carmen Pomar anunciou ademais que a
Consellería vai realizar unha ampliación, coa construción duns novos
talleres para os ciclos da familia profesional de Madeira, moble e
cortiza. Edificarase sobre o espazo que agora ocupa a pista descuberta e
será o primeiro proxecto de talleres de FP construído integramente en
madeira. O importe da obra ascenderá a arredor de 1 millón de euros.
PluriFp
Ao abeiro da resolución definitiva de ciclos formativos plurilingües
(Estrela PluriFP) que vén de publicar a Consellería de Educación,
Universidade e Formación Profesional, autorízanse 43 novos ciclos
formativos plurilingües. Ademais, continuarán impartíndose na
correspondente lingua en segundo curso 27 ciclos que foron autorizados
para o curso 2018/19.
Inserción laboral e internacionalización
Os ciclos
formativos plurilingües teñen como finalidade a mellora das competencias
lingüísticas do alumnado de FP para mellorar a súa inserción laboral e a
competitividade dos sectores produtivos. Neste sentido, o
desenvolvemento de habilidades de comunicación oral e escrita en linguas
estranxeiras facilitará o desempeño laboral dos titulados no espazo
europeo, na liña de internacionalización da FP que está a impulsar a
Consellería a través de iniciativas como o programa Erasmus+.
Ademais,
esta liña de acción dá resposta ás necesidade de formación e
competencias lingüísticas expostas polas empresas e institucións que
participan nos proxectos de formación profesional dual de Galicia. De
feito, dos ciclos incorporados este curso ao plurilingüismo, 5 son
proxectos de FP Dual, que se suman aos 5 grupos autorizados para o curso
2018/19.
Formación complementaria
O alumnado que se
incorpore a un ciclo formativo plurilingüe cursará estas
ensinanzas segundo o establecido na súa normativa reguladora e
ademais cursará, cando menos no primeiro curso do ciclo, un módulo
non lingüístico en lingua estranxeira. O número de módulos que se cursen
en lingua estranxeira poderá ampliarse sen superar, en todo
caso, un terzo do horario en lingua estranxeira. Así mesmo,
ao longo dos dous cursos do ciclo o alumnado realizará actividades
complementarias de formación organizadas polo centro educativo, como
charlas, obradoiros ou proxectos, cunha duración estipulada de 40 horas,
e que se levarán a cabo fóra do horario ordinario do alumnado.
A
maiores, o centro educativo ofrecerá unha actividade formativa
extracurricular de carácter voluntario para o alumnado, no primeiro e
no segundo curso do ciclo, cunha carga horaria semanal de dous ou tres
períodos lectivos fóra do horario ordinario do alumnado. Esta
actividade formativa terá por obxecto principal o afondamento e a
adquisición de destrezas no idioma elixido para impartir o ciclo
plurilingüe, que sexan específicas do sector profesional ou do
ámbito produtivo no que se estea a formar o alumnado.
Máis FP Dual
Carmen
Pomar visitou o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) co
gallo do inicio do curso na FP galega, que oferta este ano 29.165 prazas
en primeiro curso en centros públicos (en números moi similares ao
curso anterior), en 1.197 ciclos e programas formativos autorizados. A
novidade máis significativa prodúcese na FP Dual, cun incremento dun
58,7% a oferta de ciclos de FP Dual: dos 73 novos proxectos ofertados
para este curso aos 46 do 2018/19.
A oferta na provincia de Lugo
contemplou un total de 4.322 prazas en primeiro curso en centros
públicos, en 182 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 3.094
forman parte do réxime ordinario –1.334 en grao medio, 1.148 en grao
superior, 540 en FP Básica e 72 en programas formativos para persoas con
necesidades específicas de atención educativa-, mentres que outras 609
son do réxime modular para persoas adultas –341 en grao medio e 268 en
grao superior-, e 350 do réxime modular a distancia –150 en grao medio e
200 en grao superior-. No referido á FP Dual ofertáronse un total de
269 prazas (142 en grao medio e 127 en grao superior) en 18 novos
proxectos.
Durante a súa visita Carmen Pomar destacou que no CIFP
Politécnico, un dos referentes da cidade en Formación Profesional, se
ofertaron para este curso un total de 4 novos proxectos de Dual, en
concreto nos graos medios en Elaboración de produtos alimentarios e en
Construción, no grao superior en Automatización e robótica industrial,
así como a dobre titulación de grao medio en Coidados auxiliares
enfermaría e Atención a persoas en situación de dependencia. No que
atinxe ao réxime ordinario presencial, na FP Básica o CIFP Politécnico
de Lugo suma o ciclo de Carpintaría e moble. Para facilitar o
crecemento da oferta de FP neste centro a Consellería ten investido nas
súas instalacións preto de 360.000 euros desde 2009.