ARXENTINA | O presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijóo, convocou hoxe aos galegos de Arxentina a ser os mellores
embaixadores do próximo Xacobeo 2021 para dar a coñecer, dixo, a mellor
Galicia da nosa historia. “O Xacobeo 2021 será unha festa sen fronteiras
e pídovos que sexades os seus mellores embaixadores como o fostes
sempre da vosa terra”, abundou.
Durante unha visita ao Centro
Gallego de Comodoro Rivadavia, na tarde do martes (madrugada en España),
Feijóo salientou que, no próximo Ano Santo, que se celebrará en 2021,
Galicia converterase “nunha terra á que vir e á que volver coa certeza
de atopar algo novo, unha versión distinta do que somos”, dixo,
referíndose aos pobos e cidades que conforman as distintas rutas do
Camiño, á oferta gastronómica e ás paisaxes únicas como as das Illas
Atlánticas ou as da Ribeira Sacra. Co obxectivo de que a
Comunidade faga honra á súa tradición como punto de encontro de
culturas, o responsable do Executivo autonómico aseverou que xa se está a
traballar nesta celebración que implica a todos os galegos.
Feijóo
aproveitou o encontro para invitar á colectividade galega da cidade e a
todos os arxentinos a visitar Galicia. E agradeceu ao Centro Gallego de
Comodoro Rivadavia, que está a punto de ser unha institución
centenaria, a súa vocación por ter Galicia sempre presente, a través dun
museo dedicado á emigración galega, cunha biblioteca con máis de 3.000
volumes e que leva o nome de Rosalía de Castro, con dous grupos de baile
ou celebrando o Día das Letras Galegas.
“Agradecervos este
compromiso coa galeguidade”, afirmou, recordando que as irmandades, as
casas de Galicia e os centros galegos que se fundaron son exemplo dunha
maneira de entender a galeguidade dunha forma aberta e tolerante. Feijóo
concluíu subliñando que todas elas foron fundadas para proxectar
Galicia, non para pechala, dixo, incidindo en que a nosa identidade
galega non é excluínte e non fai elixir, senón que é dialogante, aberta e
tende sempre á suma.