El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Internacional

ARXENTINA | GALICIA

Feijóo celebra coa xuventude do exterior as trinta edicións do conecta con Galicia

19-09-2019 09:16:16

ARXENTINA | O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou hoxe coa xuventude do exterior as trinta edicións do Conecta con Galicia, que permitiu a máis de 9.000 mozos, de máis de 20 países, fortalecer os lazos coa Comunidade. 

Durante a conmemoración, Feijóo subliñou que iniciativas como esta permiten construír unha Galicia que non só traspase fronteiras, senón tamén xeracións. “Con este programa demostramos que hai unha Galicia distinta á que coñecían os vosos pais e avós, onde nacer e traballar; unha Galicia moza”, dixo. 

O titular do Executivo autonómico, que entregou a Compostela aos participantes do Conecta con Galicia 2019, coñeceu as súas experiencias percorrendo este verán o Camiño de Santiago. Experiencias como a de Matías Lorenzo, participante na última edición e que asegurou que “facer o Camiño é cultura e vivir Galicia”; ou como a de Milagros Rodríguez, que participou na primeira edición e que afirmou que, grazas a este programa, percorreu as catro provincias e visitou á súa familia.

Feijóo lembrou o papel relevante que nas edicións deste programa ten Arxentina. Non en van, nesta última convocatoria, dos 140 participantes, algo máis da metade eran mozos deste país. E incidiu en que a través desta iniciativa os mozos teñen a oportunidade de coñecer a Comunidade e o Camiño de Santiago, “a nosa tarxeta de presentación no mundo”.

Feijóo aproveitou o acto para recordar que en 2021 terán unha nova oportunidade para facer o Camiño, entrando na Catedral pola Porta Santa. “Será unha ocasión para ver a mellor Galicia que nunca existiu na historia: unha Galicia verde, familiar e que innova”, explicou.  Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta salientou o compromiso de ofrecer máis oportunidades de “conectar” con Galicia, tamén, a través da formación, referíndose ás 250 becas anuais: 150 becas para cursar un máster nunha das tres universidades galegas e 100 becas para cursar un ciclo superior de Formación Profesional. 

O responsable do Executivo autonómico concluíu agradecendo a todos os mozos a súa confianza en Galicia e o seu orgullo de ser galegos, incidindo en que a galeguidade non pide carné e non teme á mestura. “Así souberon entendela e exercela os emigrantes que forxaron a comunidade galega en Arxentina”, afirmou, sostendo que as casas, irmandades e centros galegos mantiveron vivo e fortaleceron o vínculo con Galicia, converténdose en embaixadas da galeguidade. Herdeiros desa forma de entender o mundo, o presidente da Xunta animou a toda a xuventude do exterior a continuar con esa valiosa herdanza.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias