A secretaria xeral de Emprego, Covadonga
Toca, asistiu esta mañá á inauguración do 21 Congreso internacional
Galicia/Norte de Portugal de formación para o traballo que se celebrará
ata o sábado, 21 de setembro, en Santiago de Compostela, e que se
centrará na empregabilidade e mobilización do talento sénior. Toca
destacou o compromiso de ambos os dous territorios por unha xusta
creación de emprego e subliñou que apostar pola formación e a
orientación permitirá adecuar os perfís profesionais á demanda do actual
mercado laboral e garantir que as competencias estean aliñadas coas
necesidade do tecido empresarial.
Así, o Goberno galego traballa
por ofrecer unha formación axustada ás necesidades reais a través do
Plan Galego de Formación, as Unidades Formativas en empresas, tanto para
empregados como desempregados, ou os obradoiros duais. No plano da
orientación os esforzos estanse dirixindo cara unha orientación laboral
aberta baseada nas TIC e na redución de burocracia.
A secretaria
xeral referiuse ao traballo da Xunta para crear máis emprego de calidade
e ao esforzo que se está realizando por incentivar a contratación,
especialmente nos colectivos con máis dificultades, como os maiores de
45 anos. Neste sentido, o programa Galicia Emprega, no que a Xunta
ofrece tanto un bono formación para a adaptación das persoas
traballadoras como apoio á contratación, hai unha liña específica para
este colectivo. Ademais, todos os programas enfocados para o fomento do
emprego en Galicia contan cun incentivo dun 25% para a contratación de
persoas de máis de 45 anos. Por outra parte, está en marcha a segunda
convocatoria de Talento Sénior, iniciativa para reter ou facilitar o
retorno de investigadores de alta cualificación con traxectorias
consolidadas.
No último ano a cifra de parados maiores de 45 anos
reduciuse en 3.322 persoas e o 26% dos contratos realizados foron para
este colectivo que supón o 48% dos afiliados en Galicia. Toca asegurou
que os datos deben mellorar porque a transferencia de coñecemento
experto é indispensable para unha transición interxeracional completa e
global.