Ante a nova convocatoria electoral
do 10N, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que é necesario cambiar o papel de Galiza
no estado e darlle peso porque con esta
política “subordinada o centralismo, a Galiza vaille mal, e que o que
necesitamos é menos Madrid e máis Galiza”.
A nacionalista explicou
que a nova convocatoria é o “resultado do fracaso dos partidos estatais e dos
seus líderes que demostraron, a súa inutilidade e incompetencia, e que non son
capaces de ver máis alá das súas narices, dos seus egos e dos seus intereses
partidistas”.
Este fracaso das forzas estatais, asegurou
Pontón é unha oportunidade para que
Galiza, a partir do 10N teña “unha voz propia que defenda os nosos intereses da
man do BNG”
No BNG, dixo, temos claro
que estas eleccións “non son un trámite, nin un ensaio para as eleccións
galegas”, estas eleccións son unha gran oportunidade para que Galiza teña peso
político e determine a política estatal. “Polo tanto, imos ir a por todas nesta repetición
electoral, para converter o problema xerado pola incompetencia e pola
inutilidade das forzas estatais nunha oportunidade para Galiza”.
Neste sentido avanzou que
o BNG celebrará o vindeiro sábado un Consello Nacional para abordar candidaturas, programa e campaña e
activando a toda a organización cara o 10N porque para nós, recalcou a
nacionalista, as eleccións do vindeiro 10 de Novembro é unha cita de “primeira magnitude”, e
estamos traballando para conseguir un obxectivo de país, “que Galiza volva ter
unha voz que nos defenda”. Como xa teñen
vascos, cataláns, canarias, valencianas e até os cántabros. Porque se algo
vimos nestes últimos tempos é que para que Galiza teña voz sen ataduras, que
nos defenda e actúe en clave galega, ten que estar o BNG”.
Debate do Estado da Nación
Para a portavoz nacional
do BNG, o debate de Política xeral ten unha grande transcendencia porque será
avaliada unha década de goberno de Feixóo. Un balance global, na súa opinión
que deixa “unha Galiza peor” que hai dez anos cando chegou ao goberno.
Agardamos, manifestou
Pontón que Feixóo non caia na tentación
de subordinar de novo Galiza á estratexia partidista do PP, e que non
converta a súa intervención nun “mitin no que reduza a Galiza a ser teloneira
dos intereses electoralistas de Pablo Casado”.
No debate, Feixóo debe
explicar porque incumpriu as súas promesas para xerar emprego, saír con pulo da
crise económica, garantir a sanidade e lembrou que Feixóo tamén prometeu austeridade
e o que fixo foi “triplicar a débeda
pública de Galiza” e aplicar os maiores recortes das últimas décadas. Por outra
parte, prometeu frear a crise demográfica e na actualidade contamos cos peores
resultados da historia neste ámbito.
A portavoz do BNG fixo
fincapé na incapacidade do goberno liderado por Feixóo para ampliar o autogoberno.
“Prometeu ter máis autogoberno e non conseguiu ningunha nova competencia”, este
é o resultado da súa xestión. Pontón mostrouse
convencida de que o Debate do Estado da Nación será o “último debate de Feixóo”
que pecha un fin de ciclo no que os galegos e galegas daranlle carpetazo en canto sexan convocados ás urnas. “Feixóo
é o pasado e Galiza ten que mirar cara o futuro e no BNG temos un proxecto de futuro para Galiza”.
Nesta liña, avanzou que
no Debate de Política xeral, o BNG defendera cinco eixos con propostas dun
proxecto ambicioso e modernizador porque
outra Galiza é posible. A defensa dun novo modelo económico, blindar dos
servizos públicos, a igualdade de xénero
como base dun novo modelo social, a loita contra a emerxencia climática e o reforzamento
da identidade galega e a capacidade de decisión como mellor xeito de enfrontar
a globalización e as desigualdades. Departamento de comunicación