A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional,
Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP Plurilingüe de Abanqueiro, na
localidade coruñesa de Boiro, un centro dos máis veteráns no modelo
plurilingüe, ao que se incorporou no ano 2001. Neste contexto a titular
do departamento educativo da Xunta de Galicia anunciou que este ano se
incorporan ou amplían o modelo plurilingüe (nas modalidades de centros
plurilingüe en Primaria ou ESO, PlurInfantil, PluriBach ou PluriFP) un
total de 69 centros educativos de toda Galicia.
Deste xeito, en
Galicia hai xa 377 centros con plurilingüismo en Primaria ou ESO (ou en
ambas etapas), 171 con PluriInfantil (que contan tamén, na súa maioría,
con plurilingüismo en Primaria), 13 con PluriBach (que tamén pode ser
combinado con outra etapa) e 23 imparten ciclos formativos de FP
nalgunha lingua estranxeira. A maiores, as seccións bilingües
increméntanse este curso ata chegar a un total de 4.647 en 727 centros
educativos.
Para dar apoio a estes estudantes beneficiados,
arredor de 110.000 alumnas e alumnos, a Consellería pon ao servizo da
comunidade educativo un total de 617 auxiliares de conversa neste ano
académico. Cómpre sinalar que as diferentes accións que a Consellería desenvolve
en prol da mellora da competencia do alumnado en idiomas enmárcanse na
Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020, EDUlingüe, cuxo
obxectivo fundamental é estender o plurilingüismo a todas as etapas
educativas e facilitar que os alumnos e alumnas poidan acreditar o seu
nivel de lingua estranxeira ao final de etapa. Ata hai tres cursos, a
ensinanza plurilingüe estaba implantada nas etapas obrigatorias, é
dicir, Primaria e Secundaria, pero desde o curso 2017/18 ábrese tamén a
Infantil, Bacharelato e Formación Profesional.
Durante a súa
visita ao centro boirense a conselleira felicitou a comunidade educativa
polo seu traballo arredor do modelo plurilingüe, así como pola súa
implicación noutras iniciativas impulsadas pola Consellería, tales como
os contratos-programa. Non en balde, o CEIP Plurilingüe de
Abanqueiro desenvolveu o pasado curso as liñas 1 e 2 dos mesmos. A
primeira liña, de Reforzo, orientación e apoio (PROA), busca mellorar as
perspectivas escolares do alumnado con dificultades, a través do
traballo ou apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas
que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e
ás esixencias das diferentes áreas e materias.
Pola súa banda, a
liña 2 céntrase nas accións para a Mellora das competencias clave, en
especial da matemática. O desenvolvemento desta actuación incluirá
sempre o reforzo desta competencia, podendo incluír tamén actuacións
para a mellora da comunicación lingüística e/ou competencias básicas en
ciencia e tecnoloxía. Relación dos centros