LUGO | O Pleno da Deputación de Lugo aprobou hoxe, de forma unánime, un paquete de medidas para salvagardar os postos de traballo e a actividade industrial na sede que Alcoa ten en San Cibrao. Na sesión, que contou con intérpretes de linguaxe de signos para as persoas con discapacidade auditiva, acordouse instar á Xunta de Galicia a constituír unha mesa de negociación coa compañía e o Comité de Empresa de San Cibrao para demandar a activación das cubas en suspenso e velar polo mantemento do emprego e da actividade industrial. Tamén se deu luz verde a outras medidas, como a planificación da substitución do sistema de poxa de interrumpibilidade por unha regulación estable que permita prezos competitivos no sector con compromisos no mantemento do emprego.
“A Deputación está con Alcoa e cos traballadores”, subliñou o Presidente do organismo provincial, José Tomé, tras a votación unánime de toda a Corporación en favor deste paquete de medidas. Engadiu que el está “coa masa social, coas familias” e lembroulle ao Partido Popular que foi o Goberno de España do Partido Socialista o que arranxou, nun ano de mandato, a compra das sedes de Coruña e de Asturias. “Que fixo o señor Rajoy antes? Eu non vin nese momento que o señor Feijóo fixera fotos nin nada de nada, nin que a señora Candia se acordara”, asegurou. Departamento de comunicación