O secretario xeral para o Deporte, José
Ramón Lete Lasa, inaugurou no serán de hoxe o curso 2019/2020 do Máster
en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo. O acto que
tivo lugar na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo serviu para
“felicitar a celebración deste posgrao que logrou posicionarse como un
dos máis destacados no noso país, oito anos de traxectoria avalados polo
crecente interese do alumnado, polo gran nivel do seu claustro e pola
constante actualización de contidos”.
Lete Lasa destacou que o
deporte “demanda dunha atención académica e formativa de calidade” e que
cómpre “analizar e estudar a oportunidade da industria e o sector
deportivo desde o punto de vista da súa xestión, fomentando o estudo e
investigación e, en última instancia, apontoando o seu peso específico
no posicionamento económico do país”.
No seu relatorio o
mandatario galego destacou a “especial presenza” do deporte en España e
en Galicia e lembrou como a Xunta de Galicia “contempla expresamente o
fomento da práctica deportiva” na Estratexia de Turismo 2020. Lete Lasa
destacou o deporte “como elemento desestacionalizador” e enumerou as
“amplas e enormemente positivas” oportunidades que presenta como a
innovación, colaboración, sustentabilidade, competitividade e
transformación dixital que permitirán obter produtos cun maior valor
engadido, e abrir ou consolidar modelos de negocio adaptados ás
circunstancias actuais para conseguir a máxima eficiencia”.
Cara o
fin do seu discurso, o secretario xeral gabou a figura do presidente do
COE, Alejandro Blanco, presente na inauguración do curso como “un home
sobradamente coñecido por todos, e merecidamente recoñecido pola súa
aposta polo deporte olímpico español”.