O BNG traslada a súa
preocupación polo anuncio de Endesa do peche inminente da central térmica das
Pontes e traslada todo o apoio do BNG os traballadores e traballadoras ao tempo
que salienta que leva tempo advertindo “da necesidade de abordar o proceso de
transición enerxética e de descarbonización porque a solución non pode ser que,
dun día para outro, se peche esta
central sen poñer sobre a mesa alternativas de futuro”, alega a portavoz
nacional, Ana Pontón.
“Esta central aproveitouse dos recursos que tiña o concello das Pontes
explotando os xacementos mineiros deste concello e da súa área obtendo a cambio
uns beneficios multimillonarios, e non pode ser que agora, sen alternativa, sen
un plan de futuro, pretenda deixar tirado a un concello como este dentro dunha
comarca, Ferrolterra, que xa leva sufrido durante décadas as graves
consecuencias de reconversións industriais sen alternativas, sen apoio por
parte nin do Goberno central nin da Xunta”, alega.
Pontón ten claro onde están as responsabilidades políticas: “se hoxe
chegamos aquí desta maneira tan brusca e porque nin o Estado nin o Goberno da
Xunta fixeron os deberes, pese a que sabían que esta situación se ía producir e
miraron para outro lado”. Salienta que hoxe mesmo, a través das propostas de resolución no debate do
estado da nación, o Bloque propuxo a creación dunha mesa galega para abordar o
proceso de transición enerxética que foi vetada polo PP.
“O tempo xoga en contra é urxe darlle As Pontes unha alternativa de futuro
iso é o que defendemos e no que imos a traballar desde o Bloque, porque o que
non pode ser é que unha empresa que explotou os nosos recursos mineiros, que se
fixo de ouro agora pretenda marchar sen dar ningunha alternativa de futuro
tanto para os seus traballadores e traballadoras como para a repercusión nas
Pontes, na comarca e en Galiza”, concluíu. Departamento de comunicación