A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe nunha das visitas programadas no itinerario da Ruta dos Camiños de Santiago, a principal novidade da edición deste ano dos Trens Turísticos de Galicia, o produto impulsado pola Xunta en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).
Esta nova ruta realizou esta semana a súa segunda saída e permitiu descubrir na antesala do Xacobeo 21 parte do patrimonio galego a través de diferentes tramos do Camiño Francés, Norte, Primitivo e Inglés. Saíndo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) o itinerario achegouse ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte). O percorrido continuou na cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de San Xulián de Samos (Camiño Francés) percorrendo así catro dos dez itinerarios xacobeos en Galicia.
A nova edición dos trens turísticos que está funcionando desde o mes de xuño continúa no mes de outubro coa previsión de seis saídas máis dos itinerarios, das que tres están completas. Trátase da ruta que percorre o territorio vitivinícola de Valdeorras, a Ruta dos Mosteiros e a Ruta da Ribeira Sacra. Quedan prazas dispoñibles para o itinerario Ourense termal e Versalles galego, que sairán os días 6 e 26 de outubro, e a de Pazos e Xardíns históricos, con saída o 12 de outubro.
Punto de venta en Santiago
A edición deste ano conta con ata 12 itinerarios temáticos diferentes, que fan un total de 57 saídas entre os meses de xuño e outubro e que suman máis de 16.000 km de percorridos polas catro provincias. As rutas inclúen viaxes en tren, visitas guiadas e traslados en autobús e teñen un prezo por ruta de 45 euros para adultos (con descontos do 15% para grupos de 10 ou máis adultos) e 20 euros para os nenos. Os billetes pódense adquirir a través da web de Renfe e tamén se habilitou este ano un punto físico de venta de billetes na oficina de Renfe instalada en San Martiño Pinario. Máis información.