A portavoz nacional, Ana Pontón,
salientou que o anunciado peche da central térmica que Endesa ten nas Pontes
demostra que “stamos ante unha situación na que nin o Goberno do Estado nin o
Goberno da Xunta fixeron os seus deberes en relación á a decisión da empresa de
pechar esta planta”.
Se ben a transición enerxética está aí, o BNG considera que está transición
ten que ser xusta para Galiza, “e por iso non se pode permitir que unha empresa
que explotou os nosos xacementos e recursos, que obtivo miles de millóns de euros
de beneficios, unha vez que esquilma os recursos do país pretenda desmantelar a
central sen deixar ningunha alternativa”, declarou Pontón tras a celebración do
Consello Nacional.
Por contra, o Bloque demanda unha alternativa de futuro para As Pontes e
para toda a comarca de Ferrolterra, “que
leva sendo unha das comarcas máis castigadas polas reconversións industriais e
os antecedentes que temos preocúpannos, porque xa cando tocou a reconversión do
naval o que se fixo foi deixar tirada unha comarca e ese non pode ser o
escenario”, salienta a líder nacionalista.
O BNG critica que, no recente debate do estado da nación galega, o PP
votase en contra dunha medida “na que propoñíamos a posta en marcha dunha mesa
na que abordar precisamente a cuestión da transición enerxética desde Galiza”.
Non é de recibo, lamentou, “que a única proposta que teña a Xunta sexa botarlle
a culpa os demais porque este país non se merece un presidente que o único que
busca son escusas e non solucións”. Pontón recalcou o compromiso e a implicación do Bloque: “imos estar aí man
a man cos traballadores e man a man con toda unha comarca que o quere son
solucións e non escusas”. Departamento de comunicación