VILA DE CRUCES | A portavoz nacional, Ana Pontón,
aproveitou un acto coa militancia no concello de Vila de Cruces para trasladar
o “optimismo e confianza” cos que a súa formación encara a repetición electoral
do 10N, convencida de que Galiza vai ter representación propia no Congreso da
man do BNG, co apoio de todos os galegos e galegas que ven no Bloque a solución
fronte ao “circo” das forzas estatais.
“Quero dirixirme a todas as persoas enfadadas e desencantadas polo circo no
que se converteu a política madrileña para pedirlles que non queden na casa,
que o 10N actúen de maneira diferente e aposten por un BNG que nunca fixo parte
do problema senón que quere ser parte da solución e porque representamos a
solidez e a responsabilidade neste escenario de política irresponsable”,
salientou, tras proclamar que o Bloque “vai ir por todas para facer valer
Galiza”.
Con ese obxectivo, recalcou Pontón, o Bloque “propón unha alianza coa sociedade
galega para defender con forza os intereses deste país en cuestións clave como
o modelo de financiamento, das infraestruturas, na defensa da industria, do
tecido económico, na mellora das pensións, na defensa da sanidade. E queremos
tecer esa alianza co máis vivo, dinámico, innovador e consciente da nosa
sociedade porque estamos seguras que as propostas do BNG son o software do
cambio real en Galiza”.
Urxe un cambio real que poña fin á discriminación das forzas estatais, e ese
cambio debe estar protagonizado pola sociedade galega a partir da súa
activación, a partir do seu empoderamento para facerse valer e o primeiro paso
é recuperar voz propia en Madrid, -concluíu Pontón-, apenas 24 horas despois de
que o Consello Nacional, máximo órgano entre asembleas, aprobase as
candidaturas, programa e a estratexia electoral para a cita coas urnas do 10N. Departamento de comunicación