O número de fogares galegos que chegan con moita dificultade a fin
de mes baixou no terceiro trimestre do ano ata o 5,2%, o que supón a
menor cifra de toda a serie histórica e un descenso de tres puntos
respecto ao mesmo trimestre do ano anterior (8,6%), segundo recolle a
última Enquisa conxuntural a fogares do Instituto Galego de Estatística
(IGE).
Ao mesmo tempo, os fogares galegos que chegan con
facilidade ou moita facilidade diminuíron no terceiro trimestre ata
situarse no 57,6%, mentres que subiron os fogares que teñen algunha
dificultade para chegar a fin de mes, ata o 37,2% do total.
A
enquisa trimestral do IGE tamén mostra un descenso do indicador de
confianza do consumidor (ICC), que se situou en -11,44 puntos. Este
indicador era de -7,93 puntos, e agora volve aos niveis de finais de
2018, cando se situou en -11,53 puntos.
Respecto ás compoñentes do
ICC, os datos do IGE reflicten un descenso do indicador da situación
financeira persoal (-3,59), da situación económica de Galicia (-8,97) e
do desemprego (-11,28), e un aumento do indicador de capacidade futura
de aforro, que se sitúa en -21,93 puntos.