A secretaria xeral de Emprego, Covadonga
Toca, valorou hoxe os datos de paro rexistrado e destacou que Galicia
está a consolidar o emprego creado nos últimos anos, xa que o desemprego
na evolución anual continúa baixando, mentres que as afiliacións
continúan medrando e volven situarse por riba do millón de cotizantes.
Deste
xeito, Galicia pechou setembro de 2019 con 9336 parados menos que hai
un ano, o que supón unha baixada do -5,61% e un nivel de desemprego moi
inferior ao rexistrado hai unha década, xa que en setembro de 2009 había
200.456 parados fronte aos 156.984 actuais. Ademais, a caída de Galicia
supera en case dous puntos á media estatal, situándose como a quinta
Comunidade na que máis descende o desemprego. Por sexto ano consecutivo
redúcese o paro en Galicia nun mes de setembro que tamén baixou nas
catro provincias galegas e nas sete grandes cidades, así como en todos
os sectores económicos e nos colectivos prioritarios para a Xunta:
menores de 30 anos, mulleres e parados de longa duración. Neste sentido,
a práctica totalidade das persoas que saíron do paro nos últimos doce
meses eran desempregados de longa duración.
A secretaria xeral de
Emprego tamén puxo en valor que as afiliacións seguen medrando en
Galicia e suman 15.660 cotizantes máis –unha media de 43 ao día-, o que
permite que Galicia encadee sete meses consecutivos por riba do millón
de afiliados, en concreto 1.029.548. Con respecto á contratación,
aumentou nun 10,24%, case tres puntos máis que no conxunto do Estado.
En
canto á evolución mensual, Toca indicou que o aumento rexistrado segue a
tendencia dun mes de setembro de toda a serie histórica, xa que desde
que hai rexistros en 1996 sempre aumentou (agás no ano 2005). O
crecemento do mes pasado é inferior á suba media reflectida en setembro
nos últimos 10 anos. Con respecto a agosto, a contratación aumentou en
Galicia un 14%, destacando o ritmo de crecemento da indefinida que é
sete veces superior ao da contratación temporal.
A secretaria
xeral de Emprego, incidiu en que na recuperación do mercado laboral
galego é preciso apostar por un emprego inclusivo que permita que todas
as persoas teñan as mesmas oportunidades, en concreto, as que teñen
capacidades diferentes. Neste sentido, a Xunta está investindo 40M€ ao
ano en medidas de orientación, formación, contratación e autoemprego con
este obxectivo.
De feito, este venres publícase no Diario Oficial
de Galicia (DOG) a convocatoria do novo programa de formación dual
destinado a persoas con discapacidade intelectual no que se investirán
3 millóns de euros. En colaboración cos centros especiais de emprego, a iniciativa
pretende que un total de 80 persoas poidan acceder a un contrato de
formación e aprendizaxe de 3 anos de duración e un certificado de
profesionalidade. Este novo programa súmase a outras medidas como a liña
de Galicia dirixida a este colectivo e as axudas aos centros especiais
de emprego.
Paro por provincias e sectores
Por provincias,
na evolución anual, Lugo liderou a caída (-7,85%), seguida da Coruña
(-5,92%), Ourense (-5,67%) e Pontevedra (-4,70%). Por sectores, destacou
a baixada na construción (-11,55%), seguida da industria (-6,26%), da agricultura e a pesca (-5,36) e do sector servizos (-4,27%).
Con
respecto aos colectivos que máis dificultades teñen para atopar un
traballo, descendeu nun -7,67% entre os menores de 30 anos; nun
-11,74% nos parados de longa duración; e nun -5,37% nas mulleres.