Eva Solla, deputada do Grupo Común da
Esquerda e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, volveu lembrar esta mañá na
Comisión de Sanidade a situación de precariedade, sobre carga de traballo e
temporalidade laboral que sofre o persoal dos servizos sanitarios polas duras políticas
de recortes impostos polo PP. Eva Solla preguntou á directora de Recursos Humanos do Sergas, Margarita
Prado, se considera que “a política laboral do
Goberno é legal e axeitada e se respecta os dereitos laborais cando xa recibiu
varias advertencias por parte de Europa, a Seguridade Social ou o Tribunal Superior
de Xustiza de Galicia (TSXG)”.
“A
realidade que sofre o servizo de saúde é intolerable de dunha constante precariedade
que se evidencia nas sentenzas que se están a acumular por mor das prácticas
fraudulentas que practica o Sergas á hora de facer contratacións en fraude de
lei”, incide a deputada Eva Solla, “contratacións que van de luns a venres,
despedindo ás persoas os sábados e os domingos ou, no caso de quendas
rotatorias, despedindo ao persoal nos días libres”. Solla tamén incide na
“práctica de concatenación de contratos e de contratación irregular”,
corroborada polo Tribunal de Xustiza de Galicia nunha sentenza en contra do
Sergas, “elementos moi grosos que se están a repetir en diversas sentenzas”.
A
eliminación de postos de traballo mediante amortizacións dos mesmos e a escasa
planificación nas ofertas públicas de emprego provocou unha perda de profesionais
que afecta ao funcionamento do propio sistema e dificulta a coordinación dos servizos. Por iso, “hoxe preguntamos
se os orzamentos que van entrar nesta cámara dentro dunhas semanas contemplan a
necesidade de obter incrementos salariais para o persoal laboral, máis ofertas
públicas de emprego e, por último, a necesidade de estabilización e mellora
desta situación”.
Unha situación
que afecta directamente á calidade asistencial que se presta nun servizo tan
delicado como é o da saúde e vulnera tamén os dereitos laborais das
traballadoras e traballadores, tanto en materia de abuso na temporalidade,
tempos de descanso ou dereitos retributivos.
Solla preguntou tamén sobre
cales foron as xestións feitas polo Goberno galego cos diferentes Gobernos
centrais sobre a taxa de reposición dende a entrada en vigor da mesma ou se
pensan dar cumprimento aos acordos retributivos acadados antes do inicio da
crise. Departamento de comunicación