A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta
ao goberno na comisión de sanidade sobre “o cobro de honorarios” do
pediatra Federico Martinón, xefe do servizo de Pediatría do CHUS, por parte de farmacéuticas
que promocionaban vacinas contra a meninxite.
Para
a deputada, o goberno debe explicar como un profesional nomeado pola Xunta para
ocupar un posto relevante cobra das farmacéuticas. Na súa opinión, se está
a producir un “conflito de intereses” pola súa vinculación e
responsabilidade na investigación
destinada a nenos e nenas ademais de estar considerada unha das voces públicas
á hora de defender a idoneidade da aplicación da vacina da meninxite B.
Tras
a intervención do xerente do Sergas, Fernández
Campa declinando responder ás cuestións
formuladas pola nacionalista, Prado preguntou se o PP está protexendo a Federico
Martinón e a súa relación coas farmacéuticas propietarias da devandita vacina.
A
parlamentaria do BNG lembrou que o pasado 16 de xullo un medio de comunicación facía
pública unha información co título “Investigadores de centros públicos cobran
‘honorarios’ das farmacéuticas cuxas vacinas promocionan”. A nova do xornal afirmaba
que o pediatra Federico Martinón Torres, cobrou miles de euros de farmacéuticas
cuxas vacinas para a meninxite
promocionaban mentres o Ministerio de
Sanidade debatía a incorporación ao calendario oficial, e ao tempo que a
Axencia Española do Medicamento permitía a súa comercialización en farmacias.
A Axencia do
Medicamento, engadiu a nacionalista tomou a decisión de converter Bexsero de GSK en produto de acceso
en farmacias e a tetravalente de Pfizer.
No 2019 as dúas vacinas pasaron ao calendario oficial a partir dos 12 anos implicando o seu financiamento público e miles de vendas. Neste
sentido, a deputada manifestou que a información apuntaba a que o pediatra
Martinón Torres ingresou 71.800 euros de Pfizer, 24.500 de GSK, 29.474 de MSD e
23.231 de Sanofi.
Prado lembrou que información produce nun contexto no que o
Partido Popular foi dando pasos para ceder o I+D+i do Servizo Galego de Saúde
ao ámbito privado, de maneira que tanto
as industrias sanitarias como as
farmacéuticas privadas sexan as principais fontes de financiamento das
actividades e instalacións, e polo tanto teñan o control de organismos
estratéxicos como ACIS, Axencia de
Docencia, Formación, Investigación, Innovación e Avaliación de Tecnoloxías e
Servizos Sanitarios, e a Axencia Galega de Sangue e Tecidos.
Para a deputada
resulta unha evidencia que a Consellaría
de Sanidade e o PP crearon a ACIS,
Axencia galega do Coñecemento en Saúde, e a Axencia Galega de Sangue e
Tecidos, para dar cabida á “colaboración
público privada” e transferir o coñecemento do sector público á empresa privada. Neste sentido reclamou a
“integración das fundacións de investigación ao sector público” coa preceptiva
rendición de contas.
Ante a negativa de
Fernández Campa a responder, a deputada do BNG volveu a preguntar pola opinión
do Goberno sobre a información do cobro de “honorarios” por valor de miles de
euros da industria farmacéutica deste profesional con tantas responsabilidades
na sanidade pública galega e que accións emprenderá para clarificar a situación
porque de non iniciar ningunha medida, afirmou,
o Goberno galego demostrará que “avala” o proceder “irregular do pediatra
Federico Martinón”. Departamento de comunicación