O
BNG avanza o seu voto en contra do teito de gasto aprobado polo Goberno galego
por considerar que é anticipa unhas contas “continuistas”, coas mesmas
políticas fracasadas. Ademais, o Executivo de Feixóo persiste nun marco
financeiro “obsoleto”, ao tempo que veta un concerto económico que aportaría a
Galiza 3.500 millóns de euros adicionais.
“Imos votar en contra deste teito de
gasto porque amosa un continuismo nas cifras que pronostica tamén un
continuismo nas políticas fracasadas, coas que nin se recuperará o emprego nin
se sairá desta crise industrial, nin se blindarán os servizos públicos”,
salientou a portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas. “Estamos nun marco
obsoleto e deben asumir que é necesario dar un paso máis no sistema de
financiamento cara un concerto económico”.
Un concerto económico que evitaría
episodios como o das entregas a conta, cun Goberno do Estado retendo 700 M€ que
son de Galiza e un Goberno da Xunta que se limita a laiarse ou a unha
utilización meramente electoral, en lugar de presentar un recurso xudicial para
reclamar o pago inmediato dos cartos que lle corresponden ao país.
“Tanto presumir dos 300 M€ do teito de
gasto cando cun concerto económico Galiza disporía de once veces máis de
recursos adicionais e cando ese teito aínda está por debaixo da cifra anterior
á chegada de Feixóo á Xunta”, explica Presas
“É un mal punto de partida que dificilmente
pode axudar á hora de enfrontar os retos
que ten Galiza por diante e anticipa uns
orzamentos continuistas que non ofrecerán ningunha alternativa ao fracaso económico e social da década
Feixóo”, alegou, ademais de denunciar a falta de vontade do PP por negociar co
resto dos grupos parlamentarios as contas que precisa o país.
“Xa están redactados, polo
que o trámite parlamentar do
próximo mércores é un mero paripé, non hai vontade por parte do
PP de sentarse a falar coas forzas políticas deste país nin abrir un debate
serio”, concluíu. Departamento de comunicación