A
ultradereita española, rancia, homófoba e machista está de volta nos
centros escolares. Entra por medios de cartas dirixidas ás equipas
directivas e de folletos dunha nova campaña centrada na negación da
liberade de elección sexual mais tamén da liberdade de cátedra.
Hazte
Oír, unha asociación radicada en Madrid, un lobby ultracatólico cun
enorme financiamento económico e con fortes ligazóns ideolóxicas coa
dereita extrema española difunde neste principio de curso un material
enviado por correo postal a todos os centros educativos do Estado no que
novamente amosa uns posicionamentos ideolóxicos impropios dunha
sociedade democrática e que non poden ter cabida nos nosos centros, ao
atentar directamente cos principios máis elementais do respecto á
identidade sexual ou á igualdade entre homes e mulleres.
A
obcecación propia do fanatismo co que se conduce este grupo
reaccionario lévaos a pretender establecer a censura previa nos centros
educativos. Así, nunha carta dirixida ás direccións dos centros chegan
ao atrevemento de afirmar que existe un mandato legal para que se
respecte a censura do pais e nais sobre os contidos curriculares. No
escrito afirman que como pais terían dereito a avaliar previamente as
actividades curriculares relacionadas con contidos como a educación
afectivo sexual, a identidade e expresión de xénero, a diversidade
sexual e afectiva e os diferentes modelos de familia. Un disparate que
amosa unha clara intención de control ideolóxico sobre o profesorado
absolutamente impresentábel e que rexeitamos profundamente.
Nin
as familias teñen que autorizar expresamente que os seus fillos e
fillas sexan formados en determinados contidos que forman parte do
currículo nin o profesorado ten que soportar que fanáticos machistas e
homófobos nos pretendan dar leccións do que podemos impartir nas nosas
aulas nin as actividades pedagóxicas que podemos organizar. Somos
docentes e como tales debemos defender a xa escasa liberdade de cátedra
que temos: abafados por currículos inabarcábeis mais coa capacidade
total para facer valer a nosa profesionalidade como educadoras e
educadores.
Partindo
do rexeitamento total a unha incitación á desigualdade e ao odio a quen
pensa diferente, dúas son as respostas que unha campaña destas
características merecen: enviar esa propaganda aos contedores de
reciclaxe de papel dos nosos centros educativos e reforzar a nosa aposta
por un ensino coeducativo e inclusivo no que precisamente a educación
afectivo sexual e o respecto á diversidade sexual son máis necesarias
que nunca. Departamento de comunicación