O programa de Axudas ao Retornado Emprendedor que convoca a Secretaría Xeral de Emigración recibiu este 2019 un total de 69 solicitudes para a posta en marcha de novos negocios por galegos que regresaron a Galicia.
Cómpre salientas que, desta volta, os solicitantes abarcan máis de 20 países e 4 continentes. Así, en América destacan os 24 de Venezuela ou os 9 de Brasil; en Europa, 4 de Suíza, 3 de Reino Unido, ou outros 3 de Alemaña. E hai un de Emiratos Árabes (Asia) e outro das Seychelles (África).
Todas estas cifras reflicten o interese que está a xerar entre a mocidade galega no exterior un programa do que máis do 40% das solicitudes son de menores de 40 anos, situándose a idade media nos 43. Ademais, o número de solicitudes incrementouse nun 23% respecto ao 2018, pasando de 53 solicitudes a 69.
Gastos correntes da posta en funcionamento
Esta iniciativa, que xa ten permitido a posta en marcha de máis de 150 iniciativas empresariais na comunidade, está dirixido a galegos residentes no exterior que queiran volver a Galicia. Así, o programa permite aos galegos, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio con ata 10.000 euros de subvención.
Trátase dunha das 53 medidas incluídas na Estratexia Retorna 2020, aprobada o pasado 12 de abril polo Consello da Xunta, de carácter transversal e coordinado pola Secretaría Xeral de Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia e cun investimento de máis de 235 millóns de euros.