El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

GALICIA | MONITORES

Abre a inscrición nos cursos de formación para monitores e directores de actividades de tempo libre

05-10-2019 13:43:52

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ofrece 225 prazas en diferentes cursos de formación para monitores, directores de campamentos e campos de voluntariado, e demais profesionais no eido da educación do tempo libre vinculada á atención de mozas e mozos con discapacidade, así como á loita contra a violencia de xénero. Todo os cursos realizaranse en colaboración con entidades especializadas neste ámbito.

A convocatoria para inscribirse nestas accións formativas, que son de carácter presencial, está xa aberta e os lugares, datas e contido de cada unha delas pódense consultar na páxina web de Xuventude. O obxectivo é que os profesionais coñezan os recursos e estratexias que lles permitan dar resposta ás necesidades educativas das nenas e nenos, ademais de concienciar e reflexionar sobre a importancia do ocio inclusivo. 

A instalación xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa, acollerá o primeiro dos cursos os días 8, 9 e 10 de novembro, que versará sobre o ocio inclusivo para as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). Entre outros contidos, as persoas que participen coñecerán como aproveitar as novas tecnoloxías da información e a comunicación e as aplicacións móbiles para dinamizar o tempo libre das mozas e mozos con TEA. 

Tamén o vindeiro mes de novembro, en concreto os días 15, 16 e 17, terá lugar no albergue xuvenil de Gandarío o curso “Son monitor inclusivo?. Conecta coa diversidade na Campaña de Verán. Nesta acción formativa abordaranse cuestións como o modelo de ocio inclusivo ou as ferramentas para a planificación dun campamento atendendo á diversidade. 

Así mesmo, no Centro de atención integral de Amicos en Boiro impartirase o curso A inclusión a través do xogo, os días 11, 18 e 25 de novembro, no que se tratará, entre outras cuestións, o modo de adaptar o xogo, as contornas e espazos a todas as necesidades dos participantes.  


Espazos libres de violencia de xénero  


Este plan formativo tamén trata de instruír ás persoas voluntarias e aos axentes educativos no ámbito do lecer e tempo libre en materia de violencia de xénero para que poidan actuar na prevención, detección e posible intervención ante situacións deste tipo. Outra finalidade destes cursos é achegar ás mozas e mozos que participan en actividades de tempo libre unha mensaxe contra a violencia. 

Con esta finalidade, a Dirección Xeral de Xuventude desenvolverá, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, seis accións formativas para consolidar espazos libres de violencia de xénero. Estes cursos desenvolveranse entre os meses de outubro e novembro na Casa do Deporte de Vigo e no Espazo Xove de Ourense (do 14 ao 17 de outubro en ambos lugares), no albergue xuvenil LUG2 e no local de Quérote+ na Coruña (do 21 ao 24 de outubro nos dous casos), no Espazo Xove de Vilagarcía (do 4 ao 7 de novembro) e no Centro Coordinador de Información Xuvenil, en Santiago de Compostela (do 11 ao 14 de novembro).





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias