A
portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a presentación das persoas que
lideran as candidaturas do BNG para pedirlle os galegos e as galegas que
convertan o seu lexítimo descontento co show
das forzas estatais nunha
oportunidade: a de conseguir que Galiza
teña voz propia no Congreso da man do BNG.
“A alternativa
para todas as persoas descontentas co espectáculo destes meses é o BNG, unha
forza útil para defender o país”, salientou Pontón, “a opción non é quedar na
casa senón facer algo diferente e transformar o cabreo nunha oportunidade para
que Galiza teña voz propia en defensa dos nosos intereses e, para iso, a
ferramenta política é o BNG, con proxecto serio e persoas solventes dispostas a
facer política pensando neste país”.
Porque o 10N,
argumentou, “non vai do futuro político de Sánchez nin de Casado, non vai de duelos ou rancores entre as
diferentes forzas políticas estatais. O 10N vai do futuro deste país, do noso
sector industrial con miles de empregos en risco, vai da nosa xente moza
emigrada ou sen traballo, vai da precariedade laboral, vai de ter as pensións
máis baixas, vai dos 200 millóns de euros que o Estado nos debe en dependencia, vai da débeda
histórica en infraestruturas, vai da estafa das peaxes da AP9”.
E ante a
“inutilidade” e a “discriminación” das forzas estatais, o Bloque “é única
garantía de que todos eses temas van formar parte da axenda do Estado, porque
só o BNG ten as mans libres para defender os intereses de Galiza, ese é o noso
compromiso: ir ao Congreso a defender os intereses de Galiza é a traballar duro
pola xente deste país”, proclamou.
“Se queremos
resultados diferentes temos que facer algo diferente”, subliñou, “temos que
facernos valer, como fan vascos, cataláns, canarias, valencianas e mesmo
Cantabria, todos defenden os seus intereses porque teñen forzas políticas
propias no Congreso. Está demostrado que
só hai unha forza libre para dar a cara polos galegos e polas galegas: o BNG”,
destacou Pontón, convencida de que o 10N
o Bloque obterá esa representación.
“Fai seis meses
tivémolo ao alcance da man, na punta dos dedos. Este 10N é a segunda volta para
conseguir ter voz propia, e hoxe son moitos máis os galegos e as galegas que teñen
claro que sen o BNG no Congreso, Galiza perde, hoxe teñen claro que a sen o
Bloque no Congreso, Galiza está desaparecida. Iso é o que hai que cambiar o 10N”,
recalcou.
Pontón fixo
referencia ao moito que se parecen a vella e a nova política cando se trata de
discriminar os galegos e galegas. Xunto o habitual desleixo polos problemas do
país de PP-PSOE, lembrou o apoio de Podemos os peores orzamentos do Estado para
Galiza, e tamén chamou a atención sobre a permanencia das contrarreformas
laborais, a Lei Mordaza ou a LOMCE.
Emerxencia social e nacional
Na súa
intervención, Nestor Rego destacou a situación de “emerxencia social e
nacional” do país, e comprometeuse a ser “a voz da Galiza que non se resigna”,
que sabe hai outro futuro se é posible exercer “o dereito a decidir de maneira
soberana sobre os nosos asuntos”. Todas as persoas que queren mudar a situación
de discriminación e ninguneo “contan coa voz libre do BNG que nunca lle fallou”,
declarou.
Olalla Rodil
subliñou o seu compromiso por trasladar ao Congreso as demandas dos colectivos
sociais e do momento feminista, fronte os incumprimentos das forzas estatais, e
tamén destacou que dará visibilidade ás demandas da mocidade galega.
Francisco García
fixo fincapé nos problemas de envellecemento da poboación e do abandono da
Galiza do interior ante a indiferenza dun PP e dun PSOE que se intercambian os
papeis en función de quen se sente na Moncloa. “Temos a oportunidade de cambiar
esa dinámica”, indicou, “cun cabreo activo e construtivo a favor de Galiza” o
10N.
Carme da Silva
puxo a Pontevedra como exemplo do que este país é capaz “desde a confianza”.
“Sabemos facer as cousas doutra maneira e non é casualidade que Pontevedra sexa
un referente de cidade no mundo”, indicou, “así é como podemos construír un
futuro, desde a confianza na nosa capacidade como país”. Departamento de comunicación