O BNG
suma o apoio de CxG ás candidaturas que a formación nacionalista que lidera Ana
Pontón presenta ás eleccións xerais, e así se plasma nun acordo que ambas
forzas asinaron hoxe en Santiago, no que se recollen os principios políticos
sintetizados nun decálogo así como a incorporación de catro integrantes de CxG
nas listas coas que o Bloque concorre ás urnas o vindeiro 10N.
No acto, tanto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como
o secretario xeral de CxG, Juan Carlos Piñeiro Docampo, puxeron en valor un
acordo que consideran froito “da responsabilidade, da xenerosidade e da clareza
das posicións políticas na defensa dos intereses da sociedade galega, e que ten
un único obxectivo sumar o 10N para garantir que Galiza teña representación de
país no Congreso”.
O documento do acordo salienta o feito de seren ambas
“forzas políticas galegas, non subordinadas a ningunha outra de ámbito estatal
e capaces de defender con liberdade e garantías os intereses, dereitos,
propostas e aspiracións do pobo galego”.
Candidatura de
país
Sen obviar as lexitimas diferencias ideolóxicas que hai
entre ambos proxectos, o acordo asinado pon en valor a suma de forzas como
fórmula para ampliar a candidatura do BNG cara o 10N, que neste caso plásmase
no feito que CxG participa nas listas do Bloque para as vindeiras eleccións
xerais, -incorporando un representante por circunscrición-, en aras a acadar o
obxectivo de que Galiza volva ter voz propia no Congreso a través dunha
“candidatura de país”, como se define no acordo.
Principios
políticas
O acordo ten como base dez principios políticos
compartidos, entre os que salientan “a
consideración de Galiza como nación e a defensa do dereito de
autodeterminación, un concerto económico, a normalización da lingua galega, a
defensa de emprego e pensións dignas, banca pública galega, os recursos galegos
ao servizo da nosa economía, o feminismo e as políticas pola igualdade como
prioridade política, a defensa dos servizos públicos, a defensa do medio
ambiente e a transición ecolóxica e, finalmente, a garantía da democracia, os
dereitos e as liberdades”.
Sumar
por Galicia
Na súa intervención a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón,
quixo agradecer a CxG “a súa responsabilidade nesta conxuntura electoral, cunha
decisión que pon o foco no obxectivo de garantir que Galiza recupere
representación propia en Madrid, un reto que esixe sumar a favor do noso país e
tendo aquí, en Galiza, o centro de decisión”. A portavoz nacionalista
manifestou a súa satisfacción por constatar “que o BNG segue sumando cara o
10N”.
Pola súa parte, o secretario xeral de CxG, Juan Carlos
Piñeiro, destacou “que é momento de facer política útil, política que sirva á
xente” e quixo tamén “agradecer a xenerosidade do BNG de contar con CxG para
esta posición de país porque apostamos por centrarnos naquilo que nos une e
este acordo pon en valor aquelo que nos une ao servizo do país”.
Pontón tamén fixo un recoñecemento expreso á posición do
acordo: “Queremos agradecer a CxG a súa decisión de pedir o voto para a
candidatura do BNG nas eleccións do 10N, que desta maneira se ve ampliada e
reforzada como a candidatura de país e a única que vai poder defender os
intereses dos galegos e das galegas sen dependencias das forzas estatais, que
pensan que o mundo empeza e acaba en Madrid e Galiza existe e queremos existir
politicamente no Estado”. Departamento de comunicación