MADRID | A conselleira do Mar, Rosa Quintana,
asistiu hoxe ao Consello Consultivo de Pesca para Asuntos Comunitarios e
á Conferencia Sectorial de Pesca, onde manifestou a preocupación de
Galicia ante a pretensión dos Estados Unidos de impoñer novos aranceis
ás importacións de produtos como as conservas de peixes e mariscos. A
titular de Mar aproveitou o encontro para trasladarlle ao Goberno do
Estado a necesidade de que nas negociacións entre España e Estados
Unidos se chegue a un acordo que evite que esta nova barreira comercial
lastre a competitividade das conservas galegas no mercado
norteamericano.
As empresas do sector pesqueiro e transformador
galego exportan arredor de 5.500 toneladas anuais de produtos a Estados
Unidos por importe duns 40 millóns de euros e trátase dun mercado no que
o sector estaba a medrar, polo que Rosa Quintana solicitou medidas para
mitigar a posible incidencia dunha decisión que suporía aranceis do 25%
para produtos como as conservas de polbo ou de mexillón.
Outro
asunto que preocupa a Galicia é a incerteza ante o brexit e así o volveu
manifestar a conselleira do Mar durante a Conferencia Sectorial de
Pesca. Nela, a representante do Executivo galego trasladoulle ao Estado a
necesidade de que haxa unha coordinación forte entre o Goberno e as
comunidades sobre todo o que ten que ver coa pesca, un dos sectores máis
afectados polo divorcio entre o Reino Unido e a UE previsto para o 31
de outubro.
Neste sentido, Rosa Quintana levou a Madrid unha
proposta de real decreto coa finalidade de adoptar medidas transitorias
para que os barcos de bandeira británica e capital galego que faenan no
Gran Sol poidan seguir facendo con normalidade as súas operacións en
portos de Galicia como Celeiro, Burela, Ribeira, A Coruña ou Vigo. De
non ser posible, explicou, sería preciso que o Estado reforzase as
unidades de Aduanas e os Postos de Inspección Fronteiriza (PIF) co
obxectivo de non colapsar as descargas nos portos.
Novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca
No
Consello Consultivo de Pesca, preparatorio para o Consello de Ministros
de Pesca da UE da próxima semana, tamén se abordou a situación do novo
Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, sobre o que Galicia defendeu o ditame
aprobado polo Consello Galego de Pesca. “Seguimos insistindo na
necesidade de mellorar a habitabilidade da nosa frota para que haxa unha
remuda xeracional. Hai que mellorar as condicións de vida a bordo, o
que significa aumentar o tamaño dos barcos, que non ten nada que ver con
elevar a capacidade de pesca”, detallou Rosa Quintana, que defendeu a
necesidade de habilitar axudas neste sentido e tamén para as empresas
transformadoras que aposten pola innovación.
As comunidades tamén
analizaron as propostas de cotas de pesca para o mar Báltico, unha zona
na que Galicia apenas ten intereses pero que serven como indicador das
medidas de xestión que se van adoptar nas pesqueiras de cara ao próximo
ano. “Sempre defendemos que as variacións nas cotas non deben ser
superiores ao 15%, nin á alza nin á baixa, e imos seguir defendéndoo en
favor dunha sustentabilidade social, económica e medioambiental en augas
do Atlántico”, salientou a conselleira do Mar en relación á postura que
manterá Galicia no decisivo Consello de Ministros de Pesca de decembro.