O presidente da Real Academia Galega de
Ciencias (RAGC), Juan M. Lema Rodicio, avoga por un gran pacto entre axentes
políticos, sociais, económicos e académicos para garantir as condicións que lle
permitan á ciencia e á tecnoloxía galegas avanzar de xeito competitivo. Durante
a súa intervención no acto académico do Día da Ciencia en Galicia, Lema
recoñeceu o esforzo da Administración por promover a estruturación do sistema
científico galego, pero precisou que “compre dotarnos con
urxencia de programas que permitan a atracción de talento, galego ou non, e que
contribúan á dinamización e ao reforzamento dos grupos de investigación”. Neste
sentido, insistiu en que é fundamental o
traballo conxunto entre a Universidade e a Administración nun marco que
permitira a incorporación estable de investigadores de nivel internacional.
Ao
acto, celebrado no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, asistiron,
entre outras personalidades, a conselleira de Educación, Universidade e Formación
Profesional, Carmen Pomar; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario
Álvarez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de
Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Vicente
Pérez Muñuzuri; o vicerreitor de Planificación Académica e Profesorado da Universidade
de Vigo, Manuel Ramos; o delegado en Galicia do Consello Superior de
Investigacións Científicas (CSIC), Antonio de Ron; e o arcebispo de Santiago de
Compostela, Julián Barrio.
O
presidente honorario da RAGC, Miguel Ángel Ríos, foi o encargado de glosar a
figura do químico Tomás Batuecas Marugán, distinguido este ano como figura
homenaxeada no Día da Ciencia en Galicia, coincidindo co 150 aniversario da creación da táboa
periódica. Ríos, que foi alumno de Batuecas na Facultade
de Química da USC na promoción 1959-1964, lembrou o “altísimo prestixio
internacional” de quen foi un auténtico referente mundial na determinación dos
pesos atómicos dos elementos químicos.
Na
homenaxe, á que acudiron cinco dos netos de Batuecas chegados de diferentes
puntos de España, Ríos destacou entre os seus méritos ter logrado a excelencia investigadora
a pesar das circunstancias adversas que o rodearon e, sobre todo, ser
recoñecido unanimemente como o mellor no seu campo pola comunidade científica
internacional. “Ao longo da súa traxectoria publicou 139 traballos, moitos para
a súa época. Deles, o 35% foron en revistas de primeiro nivel, como Nature”,
precisou Ríos.
Batuecas
foi incorporado á exposición “Científicos Galegos”, na que
figuran todos os investigadores homenaxeados ata a data no Día da Ciencia en
Galicia e que percorrerá institutos e colexios de toda Galicia. No día de hoxe,
a mostra compartiu o claustro do Colexio de Fonseca coa titulada “Química para
un mundo mellor”, patrocinada pola Axencia Galega de Innovación, a USC e cerca
dunha vintena de empresas galegas do sector.
Medallas e premios de
investigación
Durante o acto foron entregadas as Medallas de Investigación da RAGC a
cinco científicos e científicas de prestixio en cada unha das súas cinco
seccións, aos que Lema felicitou pola súa excepcional carreira, ao tempo que
lles deu as grazas “por ser motor e exemplo para as novas investigadoras e
investigadores”.
Recibiron a distinción Xavier Labandeira, catedrático de Economía da
Uvigo (Medalla Domingo García-Sabell Rivas); Carlos Diéguez González, catedrático
de Fisioloxía da USC (Medalla Ánxeles Alvariño); Alfredo Bermúdez de Castro, catedra?tico
de Matema?tica Aplicada da USC (Medalla Enrique Vidal Abascal); María Teresa
Moreira, catedrática de Enxeñería Química da USC (Medalla Isidro Parga Pondal);
e José Luis Mascareñas, catedrático de Química Orgánica da USC (Medalla Antonio
Casares Rodríguez).
Tamén se fixo entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez
Cortizo, onde “particularmente este ano
a competencia foi moi forte, debido á calidade e cantidade dos traballos
presentados”, segundo precisou o presidente da RAGC. O Premio de Investigación 2019 foi
recollido polos autores da primeira análise xenética de castiñeiros monumentais
no sur de Europa, que demostra que as primeiras prácticas de “domesticación
instantánea”, é dicir, de cultivo mediante o enxerto, foron realizadas en
Galicia, a principios do século XV. O equipo galardoado está liderado por
Santiago Pereira e Ana María Ramos, investigadores do Grupo de Agronomía do
Campus de Lugo da USC e conta coa colaboración de científicos franceses,
italianos, andaluces, vascos e estremeños.
O biólogo Juan Cuñarro, do Centro Singular de Investigacio?n
en Medicina Molecular e Enfermidades Cro?nicas (CiMUS) da USC, recolleu o
premio para investigadores mozos. O seu traballo identifica unha nova diana
para terapias contra a obesidade e a síndrome metabólica en xeral, un grupo de afeccións
relacionadas co risco de desenvolver unha enfermidade cardiaca e diabetes tipo
2.
En ambas as dúas categorías foron entregadas hoxe
mencións honoríficas. No caso do premio a investigadores sénior, a María
Celeiro, en equipo con María Llompart, do Instituto
CRETUS da USC. Na categoría de
investigadores mozos, a Xabier García, do Departamento de Matemáticas do Campus
de Ourense da Uvigo. Departamento de comunicación