O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou
hoxe ao goberno galego de ter suprimido un total de 1.274 prazas de
docentes no ensino público obrigatorio entre 2009 e 2018 mentres no
concertado aumentaron en 279 docentes. Así o dixo no debate dunha moción
para mellorar as condicións laborais do persoal docente e garantir o
remate das obras nas escolas antes do inicio do curso, que foi rexeitada
polo PP.
O responsable socialista remitiuse ás cifras
oficiais da Consellería de Educación para acusar ao goberno galego de
ter sobrecargando os horarios dos profesores e profesoras do ensino
público para “conter o gasto público, mentres incrementamos por outro
lado”. Criticou a negativa do PP e do goberno galego a “recuperar as
condicións laborais dos docentes cuns horarios sobrecargados como
consecuencia dunha normativa pensada para conter o déficit público”.
Álvarez
situou o veto a esta proposta na liña das “decisións ideolóxicas” que
dominaron a xestión do ensino público por parte do goberno galego na
última lexislatura. Lembrou así a negativa a recuperar o modelo de
gratuidade universal dos libros de texto posto en marcha polo goberno
presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, “máis xusto e eficiente”
que o de Feijóo.
Sinalou a negativa a prohibir o
reparto nos centros educativos da publicación da organización
ultraconservadora Hazte Oir cuesionando as políticas de igualdade de
trato e non discriminación por motivos de orientación sexual, e mesmo
negáronse a consensuar a rede de centros coa comunidade educativa.
Obras nos centros
Álvarez
esixiu ademais a mellora da planificación e xestión das obras nos
centros educativos para evitar que estas impidan ou dificulten o inicio
do curso educativo, e acusou á Consellería de “intentar ocultar atrancos
no inicio do curso forzando o inicio en condicións inaxeitadas” para os
alumnos e alumnas.
A proposta que hoxe rexeitou o PP
incluía ademais pedirlle ao goberno galego que presente un plan de
avaliación dos ditos programas de experimentación e innovación
educativa, sinaladamente os de mellora de competencia lingüística do
alumnado, o I Plan de Actuacións para a Igualdade nos centros educativos
de Galicia, a introdución á robótica en Primaria, ou o bacharelato de
excelencia en Ciencia e Tecnoloxía.
Criticou que o PP e o goberno galego se neguen a “avaliar programas
que saben sobradamente fracasados”, e acusounos de agochar os datos
oficiais de seguimento nestas distintas iniciativas mesmo nas peticións
formais de documentación dende o Parlamento. Departamento de comunicación