CERVO (LUGO) | O presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijóo, pediu hoxe ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo que
faga pública a proposta do estatuto do consumidor electrointensivo para
trasladar confianza e certezas a empresas como Alcoa.
Durante unha
visita á planta de Alcoa San Cibrao xunto á ministra de Industria,
Reyes Maroto, Feijóo incidiu na necesidade de coñecer o contido e
alcance do estatuto e do que a Xunta aínda non ten borrador, para poder
mandar unha mensaxe de tranquilidade aos 2.000 traballadores de Alcoa, á
comarca, así como ás empresas hiperelectrointensivas como esta, dixo,
subliñando a necesidade de que se inclúa un apartado para as empresas
deste tipo.
Nesta liña, recordou que no caso de Alcoa a enerxía
supón máis do 40% dos custos totais de produción, unha porcentaxe moi
superior ao doutras fábricas en Europa, xa que o prezo do megavatio/hora
subiu un 50% nos últimos dous anos. “Hai que polo tanto buscar e atopar
a solución necesaria para volver aos custos eléctricos que había antes
de 2018, xa que se estabamos no entorno dos 35€/MW, agora estamos nos 50
€/MW”, precisou.
O titular da Xunta expresou a importancia de que
todas as administracións traballen unidas para buscar solucións que
acheguen estabilidade e garantías; “e sexa cal sexa o próximo Goberno
central a postura da Xunta será a mesma, tratar de buscar un horizonte
estable para conseguir dous obxectivos: o mantemento da actividade
industrial e os postos de traballo”, abundou.
Ademais da
necesidade de pechar o Estatuto do consumidor electrointensivo, avogou
tamén por incorporar á mesa de traballo en Madrid ao comité de empresa
de Alcoa San Cibrao, parte esencial para a busca de solucións. E
reiterou a importancia de que o Goberno central aprobe canto antes a xa
anunciada ampliación das compensacións dos gastos indirectos de CO2; “unha medida –recordou- que está autorizada por Bruxelas”.
O
presidente do Executivo galego concluíu aseverando que a Xunta sempre
estará á disposición do Goberno de España para apostar pola estabilidade
e o futuro da industria e o emprego na Comunidade.