A deputada do BNG, Montse Prado rexeitou hoxe a venda de
POVISA e cualificou a operación de “opaca e especulativa”. Para a deputada a venda non se
reduce a unha simple transacción entre
sociedades privadas por ser Povisa un grande perceptor de diñeiro público a
través do concerto co SERGAS polo que reclamou “absorber a xestión do centro
garantindo o dereito dunha atención sanitaria cen por cen pública, universal, gratuíta
e de calidade”.
Na interpelación ao conselleiro
de sanidade, a deputada tamén
reclamou unha auditoría da xestión realizada por Povisa durante o concerto asinado co Sergas para determinar se os fondos foron dedicados á
prestación sanitaria concertada ou privada. Na súa intervención, a parlamentaria acusou a Sanidade de non ter
actuado para impedir a venda do centro sanitario, “o maior centro privado que
vive da sanidade pública”, cuxa facturación, o 80%, 120 millóns de euros son a
cargo dos impostos que pagamos os galegos.
Do que se trata,
explicou é “da venda dun hospital co que
o Sergas ten concertado a prestación sanitaria hospitalaria de 135.000
veciños da Área Sanitaria de Vigo, e no que traballan arredor de 1.400
traballadores e traballadoras. “o concerto máis caro, xa non da sanidade pública de
Galiza, senón de todo o Estado español”.
Un concerto que
foi renovado o 1 de setembro do ano 2014 para a prestación de servizos de
asistencia hospitalaria aos veciños e veciñas dos centros de saúde de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e os
que determine a administración do concello de Vigo.
A nacionalista engadiu que o
concerto con Povisa, ascende a 600.480.000 euros (sen IVE) por un período de 8 anos,
máis de 75 millóns de euros anuais (máis IVE) aos que hai que sumar outros custes derivados da facturación dos servizos dos que é referencia,
maxilofacial ou queimados.
Hai un ano, explicou,
o concerto foi “renegociado” á alza cando o Hospital presentou preconcurso de
acredores alegando perdidas económicas
ocasionadas polo último Concerto asinado co SERGAS en 2014.
Naquel momento, a
Xunta procedeu ao rescate de Povisa co aumento de 84 millóns de euros e
condonando o pago de parte da factura farmacéutica, pero no mes de xullo POVISA
fixo pública a súa intención de reducir as consultas, intervencións e probas
que non reportaran valor engadido.
Por outra
parte, o convenio cos traballadores e
traballadoras permaneceu conxelado durante 10 anos, sen subida salarial,
reducións de xornadas ao persoal sanitario e máis de 100 traballadores e traballadoras
despedidos nos últimos anos.
Unha venda opaca
A parlamentaria cualificou de “opaca” a venda de POVISA e preguntou como
é posíbel que un hospital, ao borde da
quebra hai uns meses, rescatado
dun concurso de acredores pola Xunta vía renegociación do concerto, que leva
anos dicindo que ten perdas constantes lle interesa a unha multinacional impulsada
en 1997 por Eduardo Zaplana desde a
Generalitat valenciana?
A empresa Ribera Salud, afirmou Prado representa “o modelo privatizador de colaboración
público-privada do PP”.
Unha empresa investigada tras denuncia da UDEF (Unidade de
Delitos Económicos e Fiscais) por delitos de prevaricación e malversación de
caudais públicos por cobro de comisións
ilegais en próteses ortopédicas e
marcapasos ademais de seren
sancionada pola Consellería de Sanidade por distribuír medicamentos sen
autorización.
Empresa que agora está
nas mans do xigante de seguros de saúde norteamericano, con sede en Misouri Centene Corporation,
que é dono do 90%, “POVISA vendida a
unha multinacional que se dedica dende hai
anos a comerciar coa saúde da poboación”, concluíu. Departamento de comunicación