O conselleiro de Facenda, Valeriano
Martínez, presentou hoxe no Parlamento o límite de gasto non financeiro
para o ano 2020, que foi aprobado pola Cámara autonómica. En global, o
teito de gasto sitúase en 10.160 millóns de teito de gasto, cun aumento
de 311 millóns respecto ao Orzamento deste exercicio, o que supón un
crecemento do 3,1%.
Deste importe, 10.112 millóns de euros se
corresponden con ingresos non financeiros, 68 millóns proceden do
obxectivo de déficit e os 20 millóns restantes son axustes negativos de
contabilidade nacional. Valeriano Martínez explicou que é primeira
vez que a Xunta presenta un teito de gasto que supera a barreira dos
10.000 millóns de euros, e manifestou que a Administración galega segue
aumentando os recursos nun escenario de estabilidade orzamentaria.
Ademais, cualificou de “prudente e rigoroso” o teito de gasto presentado
hoxe.
Proxecto de Orzamentos en prazo
O conselleiro de
Facenda informou á Cámara de que o obxectivo do Goberno galego é aprobar
o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma e presentalo no
Parlamento no prazo legal, é dicir, antes do 20 de outubro, para
garantir que a súa entrada en vigor se produce o vindeiro 1 de xaneiro.
Finalmente,
Valeriano Martínez destacou que o Goberno galego seguirá reclamando os
700 millóns de euros que o Goberno central adebeda a Galicia. Desta
cantidade, 530 millóns de euros están incluídos nos Orzamentos da Xunta
en vigor -330 millóns das entregas a conta e 200 da mensualidade do IVE
do ano 2017- e os outros 170 millóns correspóndense cos incentivos polo
cumprimento de todos os obxectivos de estabilidade.