O BNG, a través dunha moción que
defenderá no próximo pleno do Parlamento, reclama á Xunta que compre POVISA para
incorporar este centro á rede pública e realice a xestión directa deste centro
hospitalario, para que doentes e persoal deixen de ser reféns permanentes da
empresa, garantindo o dereito a recibir unha atención sanitaria 100% pública,
universal, gratuíta e de calidade.
En todo caso, iniciar o proceso de declaración do Hospital
Povisa de interese público para poder realizar a súa adquisición de ser preciso
garantir de maneira efectiva a atención sanitaria e os postos de traballo. A
moción, a cargo da portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, recolle
que, mentres POVISA non se integre na rede pública do SERGAS, a Xunta actúe como
garante da calidade da atención sanitaria da poboación adscrita a este centro e
vele polo mantemento dos postos de traballo e o respecto dos dereitos laborais.
Para este fin crearase unha comisión de control e seguimento do concerto que
conte con presencia dos representantes
dos traballadores.
Igualmente, a moción do Bloque demanda a realización dunha auditoría das contas e da xestión de
POVISA no relativo ao concerto asinado
co Sergas, para saber cal é o uso que se fai dos cartos públicos. O resultado desa auditoría debería aportar información desagregada do gasto que destina
a atender a doentes públicos e a privados, número e distribución de camas do
hospital destinadas a atención pública e privadas, persoal destinado a prestar
a asistencia sanitaria pública e privada, horarios e servizos, ratio profesionais/doentes, profesionais
por servizos e planta, permanencia nos mesmos, situación laboral, mobilidade
horaria e entre servizos.
Na súa moción, o BNG tamén quere que o
Parlamento declare a súa defensa da sanidade pública, gratuíta, universal e de
calidade e mostre a súa posición contraria a que unha multinacional norteamericana
pase a xestionar a saúde pública de 135.000 galegos da Área Sanitaria de Vigo.
En canto á información requirida, o BNG
tamén inclúe a petición de remitir ao Parlamento, en base ao artigo 9 do
regulamento, o concerto formalizado en 2014 entre
SERGAS e a entidade para a prestación dos servizos de asistencia
especializada, incluídos na súa carteira de servizos á poboación, beneficiaria
da Seguridade Social e protexida polo Servizo de Saúde, que libremente os
elixa, asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán,
Gondomar e aqueloutros que a administración determine do concello de Vigo. Departamento de comunicación / BNG