A Xunta promove o Xacobeo 21 en
Australia no marco do primeiro congreso nacional de Amigos do Camiño
neste país, que se desenvolve esta fin de semana na cidade australiana
de Adelaida e ao que asisten máis dun cento de delegados de 12
colectivos de toda Australia e Nova Zelanda vencellados coa Ruta
Xacobea.
O evento ten entre os seus obxectivos potenciar a
internacionalización do próximo Ano Santo en colaboración coas distintas
asociacións participantes. Así pois, neste encontro analízanse os
desafíos pasados, presentes e futuros da Ruta Xacobea e como os
colectivos internacionais de Amigos do Camiño –máis de 300 en todo o
mundo– poden axudar a difundir e promocionar o Xacobeo 21.Ademais,
acordouse promover a edición e difusión gratuíta, para todas as
asociacións internacionais de Amigos do Camiño, de documentos que
recollan as conclusións derivadas do congreso.
O Plan Estratéxico
do Xacobeo 21 recolle a internacionalización e a promoción exterior do
próximo Ano Santo como un dos eixos de actuación de cara a esta
celebración. No caso de Australia, trátase dun país que cada vez achega
un maior número de peregrinos e que conta cun gran potencial neste eido,
ao contar cunha poboación total que supera os 24 millóns de persoas.
De
feito, desde o último Xacobeo, celebrado no ano 2010, a cifra de
peregrinos australianos multiplicouse por cinco, superando xa a cifra
dos 5.000 ao ano. A Xunta celebra o crecente interese que suscita a Ruta
Xacobea en Australia e agarda que ese interese vaia en aumento con
vistas ao próximo Ano Santo.