O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, abordou hoxe a
situación dos servizos públicos en Galicia para recriminar a Feijóo que
“nin acertou” coa súa xestión “nin asumiu as súas responsabilidades” da
visión “negativa” que ten a cidadanía do seu funcionamento. “A
súa estratexia é a da avestruz”, reprobou o líder dos socialistas
galegos, á vista da percepción que reflicten os estudos de opinión sobre
o estado dos servizos públicos e, nomeadamente, da sanidade pública
galega.
“Feijóo quere eximirse das súas responsabilidades
no que atinxe ás residencias de maiores, á fonda crise sanitaria, ás
longas listas de espera, ao recorte no número de profesores e de
unidades…”, enumerou Gonzalo Caballero, quen lamentou que Feijóo
“prefira a estratexia de confrontación” co goberno socialista en España.
Así é que, fronte a “unha axenda neoliberal de recortes e
perfil conservador que non aposta polo público”, o máximo dirixente do
PSdeG reclamou “medidas positivas” para a cidadanía dende a Xunta de
Galicia. É, como dixo Gonzalo Caballero, o que está
facendo o goberno socialista en funcións, que xa comprometeu a
actualización das pensións co IPC; unha medida “fundamental” para os
700.000 pensionistas galegos. Sobre todo, engadiu, nunha comunidade con
salarios e pensións das máis baixas do Estado.
“Hai unha
fenda clara entre a aposta polo gasto social do goberno socialista e a
falla de compromiso do PP na Xunta”, comparou o secretario xeral,
crítico co “escapismo” que caracteriza a actuación de Feijóo.
"Compromiso" do Goberno socialista
Gonzalo
Caballero tamén reivindicou o “compromiso” do goberno que lidera Pedro
Sánchez coa industria de Galicia. Proba diso, apuntou, son os 4.325
millóns de euros que se investirán nos estaleiros públicos de Navantia
en Ferrol. “É a segunda inversión máis alta da historia
de Galicia despois da construción do AVE”, afondou, sen obviar que eses
fondos darán carga de traballo aos estaleiros e permitirán xerar
milleiros de empregos e “revitalizar” a bisbarra.
De
feito, lamentou que o presidente da Xunta non “recoñeza” esta inversión
así como o feito de que “a Galicia vaille ben cun goberno socialista”.
“Cando gobernaba Rajoy nin se investía nas fragatas, nin na suba das pensións, nin se
executaba o orzamento destinado a Galicia”, evidenciou, consciente de
que Feijóo está “botado ao monte” na súa estratexia de confrontación. Departamento de comunicación