A
portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación da candidatura do BNG
en Vigo pola circunscrición de Pontevedra, que encabeza Carme da Silva, e aproveitou
para facer un chamamento a todas as persoas desencantadas coa “frivolidade e o
espectáculo” das forzas estatais, para que convertan o 10N na oportunidade de
que Galiza recupere voz propia no Congreso a man do Bloque.
“Vimos o fracaso e a inutilidade das
forzas estatais que demostraron que pasan olimpicamente dos problemas da
cidadanía e de Galiza, demostraron que o
único que as move son egos partidistas. Por iso, pedimos converter esa
incompetencia e ese fracaso nunha oportunidade recuperando voz propia para
Galiza a través do BNG”, salientou.
Pontón subliñou que o 10N “non vai do
futuro de Sánchez, Casado, nin dun duelo entre a maraña de siglas na que está
convertida a política estatal, vai de Galiza, de como solucionar unha crise
industrial que ten máis de 6.000 postos de traballo en xogo, vai de como acabar
coa estafa das peaxes da AP9, vai de como defender o noso sector pesqueiro, de
como acabar coa precariedade. En definitiva, de como colocar Galiza no mapa e
buscar solucións ante os problemas que temos naquilo que dependa do Estado”.
A líder nacionalista considera urxente
volver ter en Madrid unha representación que condicione a política do Estado a
favor deste país. “É evidente que ou condicionamos a política do Estado ou
veremos como seguen tomando decisións que son lesivas para os intereses dos e
das galegas, que son lesivas para o noso futuro e que poñen paus nas rodas no noso
desenvolvemento”.
De novo, estes meses de liortas
madrileñas volveron demostrar que nada se pode esperar do bipartidismo PP-PSOE,
pero tampouco nada da chamada nova política, tras ver como Podemos, “en canto
tivo ocasión”, pactou con Sánchez os peores orzamentos do Estado con Galiza nos
últimos vinte anos, “cun trato que non é xusto cun país que merece dignidade e
respecto”.
Unha conivencia coa discriminación que
se evidencia no entreguismo dos 23 deputados e deputadas electas por Galiza: “en
canto colleron a súa acta esquecéronse de quen lles deu o apoio e non abriron a
boca ante todos e cada un dos agravios do Estado, ao contrario, o que fixeron
foi xustificar o inxustificable, a discriminación con Galiza”, recriminou Pontón.
Por iso, subliño que este 10N é a oportunidade
“de poñer Galiza no mapa coa forza que ten detrás de si unha traxectoria de
traballo que demostra que cando estaba no Congreso os galegos e as galegas
tiñan unha voz que defendía os seus intereses como fixeron Olaia Fernández
Davila e Guillerme Vázquez. Demostraron que se pode facer política desde o Congreso
a favor de Galiza, como vai facer Carme da Silva”, salientou, en referencia a
cabeza de lista por Pontevedra.
“Ás persoas decepcionadas co que pasou
dígolles que este 10N poden facer algo diferente: apostar polo BNG, que non vai
entrar na política espectáculo, na frivolidade das forzas estatais. Imos ir ao
Congreso a defender os intereses de Galiza, poñendo por diante este país”.
“Vemos como outros actúan logrando
melloras e avances, así o fan vascas, cataláns, canarias, valencianas até Cantabria
ten unha forza propia que a defende na Cámara baixa. Galiza non pode seguir
muda porque esa falta de voz fai que perda oportunidades, é fundamental contar
cunha forza libre e sen ataduras que condicione a política do Estado a favor de
Galiza e esa forza é o BNG”, concluíu. Departamento de comunicación