SANTIAGO DE COMPOSTELA | O conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, destacou que Galicia lidera a planificación do Xacobeo
21 tras impulsar xa máis de 150 proxectos en marcha e acadar a captación
de 6,7 millóns de euros a través do sistema de patrocinios. Fíxoo tras
presidir a xuntanza da Comisión Executiva da Comisión Organizadora do
Xacobeo 21, integrada por representantes de diferentes departamentos da
Xunta, da Igrexa e do Concello de Santiago de Compostela.
Durante o
encontro, o titular de Cultura e Turismo lembrou que a Xunta continúa
coa folla de ruta establecida no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, que foi
presentado o pasado verán. Neste sentido, subliñou que no mes de
decembro o Goberno galego avanzará a programación do vindeiro Ano Santo,
baseada na participación da sociedade, a descentralización e a
sustentabilidade e centrada en crear experiencias únicas, culturais e
turísticas aproveitando recursos endóxenos, como a paisaxe, o patrimonio
ou a gastronomía.
Explicou que na actualidade xa foron executadas
ou están en marcha máis de 150 iniciativas propostas por todos os
axentes da sociedade en todo o territorio galego dentro do proxecto do
Goberno galego O teu Xacobeo. Ademais, Román Rodríguez destacou eventos
como o festival O Son do Camiño, proxectos de colaboración co mundo
académico, como o Encontro Internacional de Reitores no Camiño; coa
Igrexa, apoiando o Consello das Conferencias Episcopais; ou o
iniciativas para potenciar a programación cultural e expositiva de
espazos como San Martiño Pinario.
Achegas no Consejo Jacobeo
Outro
dos grandes fitos da programación deste evento será a exposición
Galicia, un relato no mundo, que permitirá exhibir na Cidade da Cultura
unha escolma de pezas de institucións de gran prestixio internacional
que confiaron na nosa Comunidade para a cesión de obras como a Biblia
Kennicott, propiedade da prestixiosa Biblioteca Bodleiana da
Universidade de Oxford.
Precisamente, algunhas destas propostas
forman parte dos 35 proxectos presentados por Galicia no Consejo
Jacobeo, o órgano de cooperación entre o Goberno central e as distintas
comunidades autónomas polas que pasan os Camiños de Santiago. O
responsable de Cultura e Turismo puxo en valor o liderado de Galicia
neste ente, xa que 24 das 26 propostas aprobadas neste organismo foron
achegadas pola nosa Comunidade, sendo a única autonomía que presentou
proxectos individuais para o Xacobeo 21.
Implicación de toda a sociedade
Do
mesmo xeito, e co fin de implicar a toda a sociedade no vindeiro Ano
Santo, o conselleiro de Cultura e Turismo recordou que xa mantiveron
reunións con máis de 40 empresas co fin de implicar ao tecido económico
nesta celebración a través de mecanismos como o sistema de patrocinios.
Esta ferramenta permitiu a captación, ata o momento, de 6,7 millóns de
euros tras asinar acordos con algunhas das empresas máis recoñecidas da
Comunidade como Hijos de Rivera ou Gadisa, ademais de importantes
acordos para o sector turístico como o acadado con Caixabank. Así
meso, Román Rodríguez destacou a intensa labor institucional que está
levando a cabo a Xunta mantendo diferentes contactos e encontros con
representantes autonómicos e embaixadores co fin de potenciar a
proxección exterior do Xacobeo, tanto no 2020 coma no 2021.
Mellora da seguridade
Outro
dos asuntos que centrou a xuntanza da comisión Comisión Organizadora do
Xacobeo 21 foi a mellora da seguridade, tanto pública como viaria, do
Camiño de Santiago. O titular de Cultura e Turismo lembrou que o Goberno
galego leva traballando neste eido a través de diferentes accións como
os proxectos de sinalización e mellora das diversas rutas ao abeiro do
establecido do Plan Director do Camiño de Santiago.
Segundo o
calendario previsto, os investimentos en sinalización da Xunta
culminarán en 2020 superado os 10 millóns de euros, mentres que no que
respecta a conservación dos distintos itinerarios investiranse 15,6
millóns de euros no Plan de Mantemento que garantirá a conservación dos
distintos Camiños ata 2022. Deste xeito, Román Rodríguez salientou que a
colaboración do Goberno central nesta materia será fundamental. Así
mesmo, e para garantir unha boa acollida aos peregrinos e visitantes,
creouse un grupo de traballo específico para deseñar un plan de
aparcamentos disuasorios, mobilidade e control de fluxos das persoas en
torno á Catedral.