Ás portas do
Cámara baixa, o candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego,
salientou o apoio da formación nacionalista “á xusta reivindicación” dos
traballadores e traballadoras e da veciñanza das Pontes, “que reclaman unha
solución e alternativas ao anunciado peche de Endesa”.
Descarbonización
si, recalcou, “pero entendemos que a transición enerxética ten que ser xusta e
con alternativas, e non pode ser que unha empresa que explotou os nosos
recursos naturais durante décadas facendo negocios multimillonarios pretenda
pechar dun día para outro deixando tirada a toda unha vila e toda unha
comarca”.
Por iso, o BNG
propón a inmediata constitución dunha mesa de traballo que integre a todas as
administración implicadas e axentes sociais, “que poña en marcha un plan
alternativo cos investimentos necesarios para garantir a actividade e o emprego
en aras de darlle futuro As Pontes e a toda a comarca”.
Rego avanzou
que a formación nacionalista utilizará a súa forza no Congreso tras o 10N para
buscar unha solución de futuro para Endesa. “Comprometemos
que os nosos votos, que van ser determinante nun escenario sen maioría absoluta,
van ser utilizados para conseguir que haxa esa alternativa canto antes, que
precisamos como auga de maio para As Pontes e, en xeral, para frear todo o
proceso de desindustrialización do noso país”, concluíu en declaracións aos
medios na manifestación que tivo lugar en Madrid diante do Congreso.
Xunto con Nestor Rego, a portavoz parlamentaria de Industria, Noa
Presas, e o secretario de Organización, Bieito Lobeira, encabezaron a representación
da formación nacionalistas nesa mobilización. Departamento de comunicación