O vicepresidente da Xunta, Alfonso
Rueda, e o vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares, informaron hoxe
en rolda de prensa do acordo entre o Goberno galego e a Federación
Galega de Municipios e Provincias para poñer de maneira coordinada e
conxunta un plan de loita contra a vespa velutina na nosa comunidade.
Alfonso
Rueda explicou que o Plan estará dotado con 2,3 millóns de euros,
grazas a fondos propios da Xunta e ao Fondo de Cooperación Local, o que
permitirá sufragar os gastos deste Plan de loita contra a velutina, un
problema que segundo indicou o vicepresidente da Xunta se estende por
practicamente todo o territorio galego.
Nestes últimos anos tense
constatado un incremento na proliferación de vespa velutina continuado, e
no que vai de ano foron neutralizados 15.000 niños. Polo que ante esta
situación a Xunta decidiu redobrar esforzos neste eido, e actuar para
frear a invasión desta especie invasora en colaboración coa Fegamp.
O
obxectivo deste Plan é concentrar os recursos e os esforzos, ofrecendo
unha resposta profesional e eficaz, que será homoxénea en todo o
territorio afectado pola velutina, liberando tamén aos GES deste labor o
que lles permitirá estar centrados en exclusiva na xestión das
emerxencias.
Dende o ano 2014 o Goberno galego conta cun programa
de vixilancia e control fronte á vespa asiática e con distintos sistemas
para retirada de niños, unha vez se recibe o aviso no teléfono
habilitado no 012, polo cal son retirados con medios propios dos
concellos en 124 municipios, chamados concellos colaboradores e no que
tamén son partícipes os GES, a Consellería de Medio Ambiente e a
Consellería do Medio Rural.