O último informe de Exceltur sobre
Perspectivas turísticas e balance empresarial do terceiro trimestre de
2019 indica que o tres de cada catro empresarios do sector turístico
galego esperan aumentar ou manter os seus beneficios no cuarto trimestre
do ano, coincidindo coa tempada media-baixa outonal.
As
previsións de melloría son xeneralizadas na meirande parte das
autonomías, aínda que as expectativas do sector galego superan
amplamente a media española, que se sitúa nun 56%. De feito, Galicia é a
sétima Comunidade con mellores expectativas, segundo Exceltur, Alianza
para a Excelencia Turística, que representa a relevantes empresas do
sector.
O informe reflicte que Galicia apenas nota o efecto da
quebra do touroperador británico Thomas Cook ou a incerteza
internacional derivada do Brexit, que si teñen unha gran repercusión en
territorios como Baleares ou Canarias. Do mesmo xeito, o Índice de
Confianza Turístico Empresarial no Sector Aloxamento (ICTUR) sitúase na
nosa Comunidade en positivo, no 7,9% fronte ao valor negativo -3,8%
rexistrado a nivel estatal.
Balance do verán
O informe de
Exceltur recolle ademais a valoración dos empresarios turísticos sobre o
terceiro trimestre do ano, correspondente aos meses do verán. Neste
período, o sector da Comunidade percibiu un aumento xeneralizado dos
principais indicadores analizados. En concreto, segundo esta enquisa,
medrou o mantívose o emprego no 94,9% dos casos, os beneficios no 77%,
as ventas no 76,2%, as reservas no 75,2% e os prezos no 73,5%.