A Xunta de Galicia conmemora ao longo do
último trimestre deste ano o 30 aniversario da concesión do premio
Nobel a Camilo José Cela cunha programación, a través da Fundación
Pública que custodia o seu legado en Iria Flavia, centrada nos máis
pequenos, na actividade literaria e na lembranza do que supuxo e aínda
supón que un galego recibira tan magno galardón.
O 19 de outubro
de 1989 foi a data na que a Academia Sueca emitiu o seu fallo. O 11 de
decembro, cando o escritor padronés recolleu a distinción de mans do
Rei. Ambas efemérides servirán de punto de inicio e remate para o
programa conmemorativo, no que a Fundación Cela abrirá as portas da súa
sede á literatura, á lembranza e á ensinanza aos máis pequenos do que
significa ser quen de recibir un premio Nobel.
A programación
comezará este sábado cunha actividade dirixida a todos os públicos baixo
o título Maxia e Ciencia na casa dun premio Nobel ¿de Literatura? no
salón de actos do Museo de 10,00 a 12,00 horas e co lanzamento da campaña
en redes socias #CelaEmáisEu coa que se pretende recuperar a memoria
viva do escritor. Mediante a recompilación a través dos canles da
Fundación en Facebook, Twitter, Youtube e no enderezo iriaflavia@fundacioncela.com, calquera que coñecera ao escritor en persoa poderá enviar á institución as súas fotos, vídeos, anécdotas ou lembranzas.
Encontro de escritores
No
mes de novembro, entre o 18 e o 20, terán lugar a cita Más de 20 años
después. III Encuentro de Escritores en Iria Flavia que, baixo a
dirección de Care Santos, volverá a reunir a unha trintena de novos
escritores aos que Cela reuniu por primeira vez en 1998 e que, a día de
hoxe, son grandes figuras do panorama literario español. Autores coma a
propia Care Santos, Juan Manuel de Prada, Lorenzo Silva, Angela Vallvey,
Oscar Esquivias, Blanca Riestra, entre outros, acudirán a Padrón a
debater sobre a situación actual do sector editorial e os seus novos
retos e dificultades.
Ademais, de novembro a febreiro terá lugar
un venres pola tarde de cada mes, e coa colaboración de Javier Pintor,
as xornadas Tardes de Libros nos #30AnosNobelCela no que se presentarán
no paraninfo do Museo catro novas editoriais en galego e en castelán coa
participación de cada un dos seus autores.
Legado documental online
Tamén
en novembro presentarase o portal específico da Fundación realizado en
colaboración coa Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes e que contén
parte do Arquivo dixital da institución e que culmina un dos traballos
de condensación e posta a disposición na rede de parte do inxente legado
documental –doado gratuitamente polo escritor a todos os galegos–
comezado xa no ano do seu Centenario.
O 10 de decembro, ademais
do acto institucional en homenaxe ao escritor, terán lugar en Iria
Flavia a presentación da nova páxina web da Fundación e o Acto homenaxe
do pobo de Padrón en lembranza de como toda unha vila acompañou ao único
Nobel galego e que pretende rememorar, dun xeito emotivo, a aqueles
padroneses que acompañaron ao escritor a Estocolmo e a cantos viviron
ese momento de gran alegría desde a propia vila de Padrón.
A
mediados de decembro, finalmente, terá lugar unha xornada, en
colaboración coa Universidade Camilo José Cela, de conmemoración dos 50
anos da publicación dunha das novelas que os expertos están a incluír
entre as máis importantes do escritor, San Camilo 1936, e que contará
coa presenza de, Adolfo Sotelo Vázquez, catedrático de Literatura
Española da Universidade de Barcelona, e Dolores Troncoso Durán,
Catedrática de Literatura Española da Universidade de Vigo.
Obradoiros educativos e rutas literarias
A
Fundación manterá durante estes meses a súa programación educativa coas
visitas dinamizadas, as rutas literarias, as valixas didácticas e os
obradoiros educativos ao Museo Camilo José Cela, onde escolares e
visitantes poderán apreciar unha das últimas doazóns realizadas á
institución por unha das familias senlleiras de Padrón –un retrato de
Cela realizado polo pintor Manuel Beiró– e máis poderán apreciar, na
sala específica do premio Nobel, múltiples anécdotas dese fito: desde a
carta oficial da súa concesión, a resposta de Cela á Academia Sueca,
parte da vaixela que se empregou na Cena de Gala ou a propia medalla e
diploma que reciben os galardoados.
Tamén mantense a entrada
conxunta coa Fundación Rosalía de Castro pola que todos os visitantes
que pasen pola casa da poeta poderán visitar gratis o Museo do escritor e
a Fundación. Asemade, participará cun préstamo de fondos na exposición
Primores do múltiplo: Encadernación e coleccionismo na Biblioteca de
Galicia, exposición que terá lugar na Biblioteca de Galicia de mediados
de novembro de 2019 a xuño de 2020.