A CORUÑA | O secretario xeral, Gonzalo Caballero, visitou hoxe A Coruña en
compañía da alcaldesa da Coruña, Inés Rey. Dende alí, sinalou que “ás
cidades non lles foi ben con Feijóo” e avanzou “un compromiso de
primeiro nivel” coa urbe herculina cando haxa un goberno progresista á
fronte da Xunta.
Durante o encontro con Inés Rey, Gonzalo
Caballero visitou o IES Monelos, un centro que exemplifica “a falta de
compromiso de Feijóo coa educación pública”, que tralos 11 anos do
goberno do PP na Xunta queda “con menos docentes e con menos unidades”.
E
se son moitas as “dificultades” que Feijóo deixa na educación pública,
non é menos a “crise” que deixa no eido sanitario: “déficit de médicos
de atención primaria, menos camas hospitalarias...”, enumerou o líder
dos socialistas galegos. De feito, subliñou que “a veciñanza da Coruña sabe ben do suspenso de Feijóo nas políticas sanitarias”.
“Non
puxo a funcionar o novo hospital nin fixo nada relevante, só o inicio
de promesas sen cumplir cando lle quedan 11 meses á fronte da Xunta”,
evidenciou Gonzalo Caballero, quen apuntou que a espera media dos
doentes de prioridade 1 para unha operación aumentaron no último
semestre “en tres días segundo os datos oficiais do Sergas”.
“Feijóo
non cumpre cos servizos públicos nin coas cidades”, incidiu o máximo
dirixente do PSdeG, e contrastou esta situación co “pleno compromiso”
dos socialistas coa sanidade e educación públicas, o desenvolvemento da
Cidade das TIC e a rexeneración da ría do Burgo. “A Coruña é unha referencia para toda Galicia, e vaille ben
cando gobernamos os socialistas”, destacou Gonzalo Caballero, quen puxo a
Inés Rey como “referencia de bo goberno” pola súa “capacidade de
xestión”.
“Tempo de desconto"
Pola súa banda, a alcaldesa da
Coruña agradeceu a visita de Gonzalo Caballero á cidade e, en concreto,
ao instituto público afectado pola “falta de previsión da Xunta”, cun
alumnado que está recibindo clases no salón de actos e outra parte,
“rotando” por distintos espazos.
De feito, Inés Rey
sinalou que Feijóo “non se preocupou dos problemas reais da cidadanía
ata que chega o tempo preelectoral”. “Acórdase no tempo de desconto”,
recalcou. Fronte a isto, a rexedora manifestou que “a
Galicia e á Coruña sempre lle foi mellor con gobernos socialistas” e,
por iso, chamou a “reeditar o goberno de progreso” o vindeiro 10 de
novembro e a relevar a Feijóo cando convoque as eleccións galegas.
Ademais, agradeceu a presenza do deputado socialista no Congreso
Pablo Arangüena e da senadora Obdulia Taboadela para que a voz e as
necesidades da Coruña estean presente en todos os eidos. Departamento de comunicación