A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que o
proxecto de orzamentos presentado hoxe polo goberno no Parlamento galego
constata “o fin de ciclo do PP e de Feixóo á fronte da Xunta”, así como a súa incapacidade para poñer “solucións aos problemas estruturais de
Galiza e ás dificultades que cada día
ten que sortear a maioría dos galegos e galegas”. As contas para o 2020 non
ofrecen alternativas contra o deterioro dos servizos públicos e unha crise
industrial con 6.000 postos de traballo na picota”.
A nacionalista recalcou que nos últimos anos os
galegos comprobaron como non se recuperaron os salarios nin o seu
poder adquisitivo mentres medran as desigualdades. A hora de enfrontar a crise
económica, afirmou Pontón, “estes orzamentos son inútiles” e tamén “inútiles”
para mellorar a vida das persoas e recuperar os servizos públicos.
Pontón criticou a “propaganda e autobombo” do
Partido popular cando en realidade dixo, “non existe unha estratexia para paliar a
crise industrial e crear emprego de calidade”. Ademais, engadiu, estamos ante un ciclo de desaceleración da
economía. Por outra parte, tampouco atopamos nestas contas “alternativas á
grave crise do sistema sanitario público”, na Atención Primaria, nin
contra o recorte acumulado de máis de
“2.000 millóns de euros nos últimos anos”. Para a nacionalista, os orzamentos “son unha
oportunidade perdida para Galiza” e o goberno da Xunta continúa na senda de
políticas erradas que non quere “rectificar”.
Rebaixas
fiscais inútiles ante o problema da vivenda
Pontón tamén criticou “as medidas estrela” dos orzamentos que en realidade, “son unha rebaixa fiscal para o 1% da
poboación” porque van destinadas, explicou, ás herdanzas superiores ao millón de
euros e a redución do 40% para todas aquelas persoas que poden mercar unha
segunda vivenda, cando o problema que
teñen a maioría dos galegos e galegas, sobre todo da xente nova, é que “non
teñen acceso a primeira vivenda, xa non mercala, senón mesmo poder alugala”.
Con estas contas, o PP
non lle di aos galegos e galegas en que vai recortar despois de aplicar as
rebaixas fiscais ás rendas máis altas. A única política económica que nos
presenta o goberno é a “do turismo” fiada
ano Xacobeo no 2021 pero carente de estratexia para encarar os retos dos
tempos que vivimos. Unha vez máis, recalcou Pontón, os orzamentos son “unha oportunidade perdida”. Departamento de comunicación