A portavoz
nacional, Ana Pontón, e o cabeza de
lista ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, mantiveron un encontro con
representantes dos e das traballadoras de R e das súas auxiliares, “nun proceso
de deslocalización puro e duro, coa fuga de postos de traballo desde Galiza a
Asturias e Euskadi, e hoxe xa sabemos
que hai ofertas de emprego no País Vasco que requiren coñecemento do galego”,
explicou Pontón. R súmase a unha longa lista de empresas dentro dunha crise
do sector industrial que ten en xogo máis de 6.000 empregos directos, ante a
que o presidente da Xunta non pode limitarse a expresar preocupación.
“Non podemos seguir vendo como Galiza
se desangra por unha crise industrial mentres
temos un presidente que nos di que está preocupado, o que ten que facer
e ocuparse e exercer como presidente ou dimitir, porque senón sirve para
solucionar os problemas do país está claro que non pode seguir nin un momento
máis á fronte deste país”, salientou Pontón.
A líder nacionalista reclama do xefe
de Executivo que actúe exercendo as súas competencias en vez de limitarse a
laiarse.
“Ten que tomar cartas no asuntos”,
dixo, tras lembrar que R obtivo moitos recursos públicos, e considera ao xefe
do Executivo galego “responsable directo da situación porque non fixo nada nin
cando se vendeu a empresa a un fondo de Luxemburgo, nin cando se vendeu a
Euskatel nin agora coa deslocalización. Non sei se pensa que ser presidente é
ir en coche oficial e vivir en Montepio, a súa responsabilidade é ocuparse e
ter solucións”.
Neste sentido, o Bloque considera
incomprensible que o Goberno de Feixóo “se poña de perfil” ante esta situación,
cunha Xunta “desaparecida” ignorando a convocatoria dunha mesa de traballo
aprobada no Parlamento a proposta do BNG.
Están en xogo mil postos de traballo
na Coruña, -subliñou-, “R e unha das moitas caras da crise industrial consecuencia
da incompetencia do PP e do PSOE que están poñendo en risco o futuro do país,
pois ante unha crise que afecta a máis de 6.000 empregos directos, os partidos
que gobernan na Xunta o no Estado están petrificados, sen mover un dedo para
sacar Galiza desta crise e só se dedican a botar balóns fora”, criticou.
En relación a R, Pontón propón ao
Goberno galego “presionar á empresa para evitar a deslocalización, un plan de
choque fronte a crise industrial, apostar por unha tarifa eléctrica galega,
polo peche de ciclos produtivos, habilitar un fondo específico para evitar
deslocalizacións e apostar por poñer o país a producir”, enumerou. “Hai miles
de empregos en xogo, mentres PP e PSOE se dedican a unha estratexia de
confrontación partidista utilizando a Galiza”, concluíu.
Receptora de axudas públicas
Pola súa parte, Rego cualificou de
“inadmisible a pasividade da Xunta porque ten competencias en materia de
política económica e industrial que non está exercendo, en segundo lugar porque
esta empresa gozou de amplas axudas pública e, en terceiro lugar, porque a
propia Xunta é cliente de R. “Con todos estes elementos ten moitísima
capacidade de presión para defender os postos de traballo no país e non o está
facendo”, denunciou.
Ademais o candidato recalcou que
moitos destes postos teñen a ver coa atención ao cliente, “e que esa atención
se faga en galego é fundamental para o mantemento do emprego e para garantir os
dereitos dos clientes a ser atendidos na súa lingua, a deslocalización implica
perda de emprego e perda de dereitos”, advertiu, tras un encontro no que tamén
participou o portavoz municipal na Coruña, Francisco Jorquera. Departamento de comunicación