A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional,
Carmen Pomar, incidiu hoxe no Parlamento de Galicia na aposta do seu
departamento pola atención á diversidade e a escola inclusiva. Na súa
intervención para dar conta do inicio de curso no ensino non
universitario, Pomar avanzou a activación da estratexia de inclusión
“EduInclusión 2020-2025”.
Esta nova estratexia, que se suma ás xa
consolidadas EduDixital, EduLingüe e EduConvives, representa a posta en
marcha de diversas medidas, como a actualización da normativa referida á
atención á diversidade, o impulso á escolarización do alumnado de
necesidades específicas de apoio educativo en centros ordinarios ou en
escolarización combinada e o pulo á especialización dos centros de
educación especial.
Tamén se desenvolverá un plan formativo para
as persoas especialistas na atención á diversidade, dirixido
especialmente ao colectivo de coidadores, e se reforzará a cultura
inclusiva a través de accións de colaboración entre a Xunta, os centros,
as familias e as entidades que traballan no ámbito da atención á
diversidade. Nesta liña, a conselleira referiuse tamén ao
Premio ás boas prácticas inclusivas, convocado como experiencia piloto
este ano e que, ante a boa resposta dos centros, con 74 candidaturas, se
consolidará con edicións anuais a partir de 2020.
Carmen Pomar
sinalou o sistema educativo galego como o máis inclusivo de España.
Segundo a última estatística do Ministerio, Galicia ten a maior
porcentaxe de alumnado con necesidades educativas especiais integrado en
centros ordinarios, o 92,7%. A isto contribúe, en palabras da titular
de Educación, o incremento do número de profesionais dedicados á
atención diversidade, que pasou en dez anos de pouco máis de 2.700 a
máis de 3.500. Na dotación deste persoal, “a administración educativa
está en permanente contacto cos centros de ensino para coñecer e darlles
resposta ás necesidades puntuais”, resaltou.
Por outra banda,
neste curso a Consellería está a incorporar un segundo orientador nos
vinte centros con maior número de alumnado, xa que “a orientación é
inherente á propia educación”. Cómpre salientar que, ademais de
contribuír á formación integral do alumnado, estes profesionais
desenvolven un papel fundamental na detección de necesidades especiais.
A
conselleira avanzou tamén que o seu departamento traballa nun Plan de
choque contra o acoso escolar, que incluirá formación específica de
profesorado en educación emocional e convivencia, e a oferta aos centros
de programas orientados á prevención da violencia e á mellora da
convivencia escolar. A isto súmase a incorporación aos
contratos-programa de dúas novas liñas centradas nesta materia,
denominadas CON-VIVE e INCLÚE-T.
Ensino máis plurilingüe e tecnolóxico
Por
outra banda, Carmen Pomar fixo un repaso polos avances na implantación
dos programas educativos a prol dun ensino plurilingüe e tecnolóxico,
que chegan cada ano a máis alumnado. Así, o ensino plurilingüe está cada
vez en máis niveis e ensinanzas e rolda este curso os 110.000 alumnos
(en 2008 eran 12.500), o que representa case o 32% do alumnado. Nesta
liña, a conselleira anunciou un renovado plan de formación para o
profesorado, que reforzará o traballo na aula da competencia oral e
empregará didácticas específicas.
A integración das TIC no ensino e
a aprendizaxe de competencias científico-tecnolóxicas tamén medra neste
curso, coa chegada de Edixgal a 347 centros e 27.000 alumnos, fronte
aos 84 centros e 2.300 alumnos cos que arrincou en 2014, e a duplicación
dos centros con Bacharelato STEM, que pasan de 15 no pasado curso a 31,
con 560 alumnos participantes. Ademais, todos os centros de Secundaria e
arredor de 180 centros de Primaria contarán no curso 2019-20 con kits
de Robótica subministrados pola Consellería.
Xunto ao fomento das
competencias STEM nos centros educativos, a conselleira destacou o labor
desenvolvido a prol das competencias de comprensión lectora, coas
bibliotecas escolares como principal eixe. Así, neste curso máis de 700
centros participan do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe),
fronte aos 299 do curso 09/10, e continuarán as iniciativas de
biblioteca inclusiva, clubs de lectura, radio na biblio ou biblioteca
creativa, entre outras.
Estratexia Galega de FP
A
Formación Profesional segue a medrar no número de alumnos e acada xa os
52.764 estudantes. A este respecto, a conselleira salientou que un
curso máis “Galicia foi quen de ofrecer unha FP atractiva e adaptada ao
tecido socioprodutivo e que fomenta o emprendemento, ao tempo que está a
dar pasos significativos para consolidar a FP dual”. Como principais
novidades deste curso apuntou o incremento de case o 60% da oferta de
ciclos de FP dual e a posta en marcha do Módulo de lingua estranxeira
profesional nos novos títulos sen módulo lingüístico.
Pomar
anunciou tamén que neste curso se presentará a Estratexia Galega de FP
2020-2030, con medidas en FP dual; internacionalización; maior
implicación do tecido empresarial, promoción da I+D+i aplicada ás Pemes e
base de creación de novas empresas; atención ás necesidades de novos
perfís profesionais e formación para os desafíos das próximas décadas.
Normalidade no inicio de curso
Canto
ao inicio de curso, a conselleira apuntou que arrincou “con
normalidade, agás algunha incidencia puntual que foi atendida cando se
produciu”. Canto ás incidencias relacionadas coas obras, afirmou que se
limitaron a menos de media ducia de colexios. “A realidade é que os
centros, tanto os que precisaron obras como os que non, están
funcionando de xeito ordinario e a Consellería segue con atención o
avance da actividade para atender calquera situación que poida xurdir.
“A Consellería está a actuar e velar polo axeitado funcionamento da
actividade lectiva. Faino tanto ao inicio como ao longo do curso. Todos
os anos escolares”, engadiu.
Neste sentido, Carmen Pomar
aproveitou para poñer en valor a planificación e o importante esforzo de
licitación e contratación realizado polo seu departamento para que
neste curso os centros de máis antigüidade desenvolvan a súa actividade
lectiva en mellores condicións. “A Consellería cumpriu o compromiso de
ter listas todas as obras no interior para que puidesen comezar as
clases con normalidade”, no verán con maior volume de obra en execución
en centros educativos. Executáronse ou están en marcha 54 grandes obras
por importe de máis de 50 millóns de euros e máis de 200 pequenas obras
por un importe superior aos 6 millóns de euros.
A conselleira
referiuse tamén ao cadro de persoal docente, que neste curso supera os
30.110 profesionais e garante a cobertura das necesidades do sistema
educativo galego. Neste sentido, abondou no compromiso do seu
departamento coa estabilidade laboral dos docentes, con continuas
ofertas de emprego público; coas melloras retributivas, que comezaron en
outubro de 2018 e continuarán de xeito paulatino ata o 2021; e “coa
formación permanente do profesorado porque para a formación inicial
seguimos sen novas do Goberno central”.