A paisaxe cultural da Ribeira Sacra
segue a avanzar como candidata española á Lista do Patrimonio Mundial
para o vindeiro ano 2021 coa súa remisión por parte do Ministerio de
Cultura y Deporte á UNESCO o pasado mes de setembro. Previsiblemente, a
candidatura da Ribeira Sacra contará cun Plan de Xestión pechado pola
Consellería de Cultura e Turismo a finais de 2019, avaliarase por parte
da UNESCO ao longo do 2020 e irá ao Comité do Patrimonio Mundial de
2021.
Así se deu a coñecer está mañá na 86ª reunión do Consejo de
Patrimonio Histórico, o máximo órgano de coordinación Patrimonial do
Estado, que se celebra desde onte no Parador conquense. O devandito
encontro foi presidido polo director xeral de Belas Artes do Ministerio
de Cultura e Deporte, Román Fernández-Baca, e nel participa, en
representación da Xunta de Galicia, a directora xeral de Patrimonio
Cultural, María Carmen Martínez Ínsua.
Normalidade na tramitación e impulso das candidaturas
O
resto das propostas galegas, Illas Cíes-Parque Nacional das Illas
Atlánticas e Cidade de Ferrol: Porto de la Ilustración, continúan o seu
traballo con normalidade para acadar a súa futura inclusión na Lista do
Patrimonio Mundial. As dúas candidaturas están neste momento inscritas
na Lista Indicativa Española do Patrimonio Mundial. No caso de Illas
Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas, a Xunta e as tres
universidades galegas teñen asinado o pasado mes de xullo un convenio
para a realización do formulario da candidatura.
86ª reunión do Consejo de Patrimonio Histórico
Este
órgano entre a Administración do Estado e as Comunidades Autónomas ten
como finalidade especial facilitar a comunicación e o intercambio de
programas de actuación e información relativos ao Patrimonio Cultural
Español e nel están representados todos os directores xerais con
competencias en materia do patrimonio cultural das distintas autonomías
españolas, xunto cos representantes do Ministerio de Cultura e Deporte.
Na
reunión do Consejo de Patrimonio Histórico analizouse a situación dos
plans nacionais de patrimonio; presentouse o proxecto de creación do
Centro de Categoría 2 da UNESCO sobre arte rupestre e se abordou o
estado das candidaturas españolas para ingresar na Lista de Patrimonio
Mundial, material e inmaterial.