O conselleiro de Economía, Emprego e
Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago de Compostela
unha reunión con representantes da Federación de Industria de CCOO para
avaliar solucións conxuntas ante os desafíos dunha transición
enerxética xusta. Conde salientou a necesidade deste tipo de encontros
para favorecer o diálogo activo entre os principais axentes do sector,
establecendo solucións consensuadas que permitan definir novas liñas de
actuación.
A Xunta trasladou ao sindicato a necesidade de incluír a
Galicia dentro da Estratexia de Transición Enerxética do Goberno
central –como xa se fixo con outras comunidades autónomas-. O titular de
Economía, Emprego e Industria puxo de manifesto o compromiso da
Administración galega neste contexto coa proposta de Estatuto de
consumidores electrointensivos presentada pola Xunta co obxectivo de que
exista un prezo eléctrico competitivo para a industria electrointensiva
galega.
Deste modo, ambas as dúas partes coincidiron en apostar
por unha transición enerxética xusta, que facilite a reconversión
industrial sen que isto repercuta nin na calidade dos empregos nin na
súa estabilidade.
A este respecto, tanto os representantes
sindicais como o conselleiro compartiron retos como a modernización do
tecido empresarial, a aposta pola economía circular, a mellora da
formación, o impulso do emprego estable e de calidade e o fomento da
conciliación entre a vida laboral e a familiar como os vectores máis
relevantes á hora de materializar este cambio dentro do sector
industrial.
A Xunta seguirá garantindo a continuidade do tecido
industrial galego con liñas de acción que dinamicen o sector. Entre
estas medidas está a Axenda Industria 4.0, que mobilizará 900 millóns de
euros, creando 13.500 empregos nos vindeiros catro anos; e a Lei de
implantación empresarial, que busca a captación de novos investimentos
para Galicia a través dos incentivos fiscais, da redución dos prazos da
tramitación administrativa de proxectos mantendo as mesmas garantías
técnicas, xurídicas e medioambientais, e a través de facilitar o acceso
ao solo industrial.