O conselleiro de Facenda, Valeriano
Martínez, anunciou hoxe que a Xunta remitirá esta mesma semana ás
organizacións sindicais as convocatorias de oposicións para cubrir 1.161
prazas en diversas categorías de Administración Xeral. “Trátase de
convocatorias moi agardadas polo persoal que quere estabilizar o seu
posto de traballo e polos moitos mozos e mozas que aspiran a acceder a
un emprego estable e de calidade na Xunta de Galicia”, subliñou o
conselleiro.
Destas 1.161 prazas, 239 son para o corpo superior
A1; 222 para o corpo de xestión A2; 291 prazas para o corpo
administrativo C1; e 409 prazas de auxiliar administrativo C2. A estas
prazas, hai que sumar as convocatorias de emprego social anunciadas o
mes pasado con 591 prazas. A través de todas estas convocatorias, a
Xunta non só promove a estabilidade do emprego temporal senón que tamén
realiza a cobertura de prazas vacantes por xubilación ou de nova
creación nos servizos públicos que presta a Administración galega.
Na
súa comparecencia en comisión parlamentaria para presentar o proxecto
de Lei de Orzamentos para 2020 e as contas da súa consellería, Valeriano
Martínez lembrou que a Comunidade Autónoma disporá o vindeiro ano dunha
capacidade gasto de 10.149 millóns de euros, un 3% que neste exercicio,
co que Galicia contará con 300 millóns máis que este ano e 1.400 máis
que en 2016.
Ademais, o Goberno galego seguirá apostando polo
reequilibrio territorial cun maior gasto per capita nas provincias
orientais respecto das atlánticas, de aí que o maior investimento por
habitante volva producirse en Lugo (4.252 euros per capita) e Ourense
(4.096), fronte aos 3.281 euros de A Coruña e os 3.200 de Pontevedra.
Menos impostos
As
contas do vindeiro ano inclúen novas baixadas de impostos e manteñen
todas as que xa están en vigor. Entre as novidades, figura a rebaixa do
Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) para a compra dunha vivenda
no 94% do territorio galego, co obxectivo de fixar poboación no rural,
así como a supresión do Imposto sobre Sucesións para as herdanzas
inferiores a 1 millón de euros por herdeiro, co que o 99,9% dos galegos
non pagarán este tributo cando reciban unha herdanza dun familiar
directo. Tamén se aproban máis facilidades para a sucesión das empresas
familiares e ponse en marcha unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF.
Ademais,
en 2020 a Xunta ampliará de novo o volume de beneficios fiscais ata os
448 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,1% respecto do
actual exercicio e dun 23% -84 millóns- en comparación co 2016.
Reforzo do gasto social e dos investimentos
Os
Orzamentos para 2020 reforzan un ano máis o gasto social, que medra en
275 millóns respecto a este ano e acada os 7.400 millóns de euros, a
cifra máis alta da historia. Estes novos recursos permitirán incrementar
o gasto directo en sanidade, no ensino e nas políticas sociais, e poñer
en marcha medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das
escolas infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta
Benvida. Tamén medra o capítulo de investimentos, que acada os 1.691
millóns de euros.
Xacobeo: menos débeda e empregados públicos
Nas
contas do vindeiro ano tamén destaca a dotación para o Xacobeo, para o
que se destinan 82 millóns para afrontar con éxito a preparación do
vindeiro Ano Santo, e a redución do gasto en débeda, que baixa 22
millóns. Ademais, tamén se inclúe o crédito necesario nun fondo
retributivo para elevar ata un 2,2% o salario dos empregados públicos e
que se aplicará cando o Goberno central dite a norma habilitante.